María Vieites, premiada onte como a mellor científica galega menor de 30 anos, é natural de Ribadeo. A súa carreira é a Física e agora investiga coa Escola Politécnica de Lausana, en Suíza, no acelerador de partículas, coñecido como CERN, para desenvolver un experimento que busca, entre outras cousas, as diferenzas entre a materia e a antimateria. "Todo o que nos rodea é materia e nalgún momento algo pasou que marcou unha diferenza entre materia e antimateria", explica.

"Hai moitos galegos traballando alí, pero eu fixen a miña carreira dende Santiago e xa traballei neste proxecto no Instituto Galego de Altas Enerxías, que forma parte deste experimento", polo que pensa que podería continuar nesta mesma liña de investigación en Galicia.

"Pero a nivel de recursos, mobilidade predoutoral ou posdoutoral, e a posibilidade de captar novos investigadores e estabilizalos, aí non hai comparación". Segundo detalla, a calidade da investigación que levan adiante os científicos galegos é excelente, pero o problema é conseguir o persoal necesario. Vieites pensa seguir en Suíza varios anos e ve "moi complicado" que a súa carreira profesional continúe en España pola falta de financiamento e de estabilidade máis alá dos catro anos que proporcionan as becas posdoutorais.