AEscola de Arquitectura da Coruña é un proxecto colectivo, resultante da vontade de un número incontable de vontades dende a súa fundación aló en 1973.Alumnado, profesorado e investigadores, apoiados por persoal de administración e de servicios construímos esta institución, na que xunto ao colexio de Arquitectos de Galicia „tamén xurdido naqueles anos„ fóiselle dando forma á cultura arquitectónica da Galicia contemporánea. Andrés Albalat xogará durante décadas un papel decisivo en ambas institucións, non só definindo xunto cun animoso colectivo os obxectivos e as metas tanto do Colexio como as da Escola de Arquitectura senón facendo valer a condición cultural do feito arquitectónico. E esto non debeu ser unha iniciativa doada de promover nuns anos „como os setenta e os oitenta„ de frenética actividade construtiva e urxencias urbanizadoras.Na Escola de Arquitectura da Coruña Albalat sempre será recordado por quen agora impartimos nela a docencia, a investigación e a difusión da arquitectura como un mestre no sentido clásico da palabra: un home que investigaba ao tempo que exercía a profesión e que gustosamente transmitía todo o coñecemento que atesouraba ao seu alumnado.Albalat, para todos nós naquela escola dos anos oitenta, de vida intensa e de futuro por construír, era un exemplo a imitar: aquel home sabio tanto era capaz de deseñar unha impresionante estrutura metálica, unha novidosa fachada de paneis prefabricados, marabillarse ante unha composición musical clásica, descubrirnos os valores ocultos nas artes populares de Galicia ou agasallarnos con mil anécdotas nacidas nas súas obras (nun galego dunha beleza poética). Albalat incluso na súa ausencia seguirá exercendo o maxisterio. Faráo a través dos edificios racionais, sosegados e discretos que espallou pola súa querida Galicia, incluso con aqueles que so existen xa na nosa memoria como a primeira Praza de Pontevedra da Coruña ou o Colexio de Benquerencia na mariña lucense.

Estou seguro, que por moito tempo, cando encontremos dificultades no camiño a seguir na construción dos espacios da Galicia do futuro, sempre encontraremos nas obras de Albalat a mellor guía.