05 de enero de 2020
05.01.2020
Inés Rey, alcaldesa da Coruña

"Espero que a Xunta impulse a creación da área metropolitana e que non a boicotee"

"Este Goberno non mira a árbore xenealóxica dos proxectos nin o DNI. O que nos importa é volver poñer a cidade no lugar que perdeu nestes dez anos" . "Pola nosa banda, a confianza en Marea non minguou"

04.01.2020 | 22:42
"Espero que a Xunta impulse a creación da área metropolitana e que non a boicotee"

A alcadesa, Inés Rey, cumpre medio ano en María Pita, celebra que este comezo do 2020 chega cun acordo con Marea Atlántica e co BNG para aprobar os orzamentos e co debate de investidura do candidato socialista, Pedro Sánchez, á presidencia do Goberno no Estado.

Seis meses desde que empezou a gobernar e novo ano, como empeza este 2020?

Empeza cunha boa noticia para a cidade, que é que conseguimos un acordo co resto de grupos políticos progresistas para sacar os orzamentos e, despois de seis meses, creo que se estableceron canles de diálogo co resto de grupos para iniciar un mandato tranquilo. As expectativas son boas de cara a 2020.

O pasado xoves houbo algo de lea entre o Goberno local e Marea pola ausencia dun dos puntos nas bases de execución do orzamento, que implicaba a perda de competencias do Pleno, que si que se tiña recollido no acordo e que non se introducira no documento aprobado en Xunta de Goberno Local. Marea incluso ameazou con retirar o seu apoio, están intentando reconducir a situación?

Foi simplemente un erro de carácter material no documento, absolutamente anecdótico, que xa foi solucionado na Comisión de Facenda de hoxe [polo venres]. Non ten maior transcendencia. .

Marea Atlántica dicía que era unha "deslealdade máis" do Goberno local sumada á suba do 3% do IBI, tamén a que non estaban recollidos algúns dos seus acordos no IMCE...

Eu non utilizaría en ningún caso a palabra deslealdade para un erro material que xa foi solucionado e que foi detectado onte [o xoves] e que foron avisados todos os grupos de que fora unha omisión de carácter absolutamente involuntario. Falar de deslealdade e usar palabras tan graves é un pouco esaxerado e non se axusta á realidade. .

Tanto como detectado onte [polo xoves]... O informe do interventor xa falaba desta omisión e é do 27 de decembro...

Foi falado onte [polo xoves]. Repito, non dá para máis.

Está minguada a confianza?

Pola nosa banda non, e penso que, polo resto dos grupos, tampouco. O importante é que se chegou a un acordo froito do espírito do diálogo e da colaboración e da cooperación e de recibir as achegas doutros grupos que sexan boas e positivas, que é xa unha filosofía do Goberno. Este Goberno non está mirando a árbore xenealóxica dos proxectos nin os apelidos que traen nin o seu DNI nin o copyright. O que nos importa é a cidade e volvela poñer no lugar que perdeu os últimos dez anos.

Con este novo ano teñen que entrar en funcionamento algúns dos acordos asinados, entre eles, a bonificación do prezo do bus para maiores de 65 e menores de 26 sen custo engadido para as arcas municipais. Están falando xa con Tranvías para introducir estas bonificacións?

Hai varios contenciosos abertos contra o Concello, as tarifas non van subir neste ano en tanto non se resolvan eses preitos. Coido que o acordo se cumprirá.

Non subir, si, pero do que falan os acordos é de baixar as tarifas para certos usuarios.

O acordo da Xunta de Goberno Local foi de non subir á espera dos preitos. A tarifa non sube e, para que baixe, imos esperar o resultado dos procedementos. E, sobre todo, trataremos, como di o acordo, de que non teña custe para as arcas municipais.

E os contenciosos resolveranse este ano?

Non se vai demorar moito. Non vou dicir datas porque non controlo os tempos da xudicatura, pero será pronto.

A oposición lembroulle ao Goberno local que non esquecese a busca de responsabilidades no caso do edificio da antiga sede de Fenosa, explicou que aínda non iniciaran este proceso e que non tiñan a obriga de facelo, vano facer?

Nós cumprimos estritamente o acordo de mediación xudicial ao que chegou o Concello co demandante. O cumprimento xa está en marcha, xa se pagaron as indemnizacións e ademais hai que construír un edificio no ofimático.

E o expediente da revisión de oficio dos acordos de Someso, chegará no 2020 ao Consello Consultivo ou haberá que seguir agardando?

O Goberno cumpre os seus compromisos, cumpre estritamente as resolucións xudiciais que teñen incidencia na vida municipal. Non nos abstraemos das resolucións nin do cumprimento dos acordos que temos cos partidos políticos, neste caso, con Marea e co BNG e, para iso, temos comisións de seguimento, que verifican que se cumpran.

Nos acordos tiñan un punto relativo os afectados de Elviña polo desenvolvemento do ofimático, hai solución para eles, a desafectación ou alternativa?

Está traballando o concelleiro nesas solucións para ese grupo de veciños. Non lle podo dicir agora mesmo nada.

En outubro do ano pasado aprobouse no Pleno darlle pulo á área metropolitana, neste ano, cales son os deberes pendentes e os pasos a seguir?

O que fixemos foi remitir ese acordo plenario á Xunta, que é a competente para impulsar ese procedemento e tratar de que o Goberno autonómico se poña as pilas. Nós somos totalmente conscientes de que A Coruña é a cabeza dunha área metropolitana de máis de 400.000 habitantes, polo tanto, a solución e as políticas de futuro teñen que ser políticas en clave metropolitana. Apostamos firmemente polo consorcio de servizos, de aí a nosa aposta pola creación dun servizo metropolitano de transporte, como primeiro paso para unir e vertebrar a área metropolitana, sen esquecer outro tipo de servizos, como pode ser a distribución da auga, ou a xestión das emerxencias... Hai multitude de servizos que se poden asumir con carácter metropolitano. Esa é a nosa filosofía. Non é un procedemento que se poida parar. É un procedemento que marcha cara adiante, que vai estar impulsado e apoiado pola Corporación municipal da Coruña e eu agardo que a Xunta cumpra ese compromiso e que lle dea impulso no que lle resta de mandato a Feijóo.

Antes das eleccións agardan que haxa avances?

Espero que a Xunta non boicotee a creación da área metropolitana. Sería un erro, que unha área de tanta importancia económica e urbana como é a da Coruña e toda a súa contorna, por puros intereses políticos, fose obstaculizada por parte do Goberno de Feijóo. Agardo que non sexa así, pero todo son esperanzas e propósitos de aninovo.

Logo deste pleno, mantivo unha reunión co alcalde de Arteixo, Carlos Calvelo, que defende que a área metropolitana ten que incluír A Laracha e Carballo, daquela o Concello non se negaba, avanzaron nesa idea?

Non, non está máis avanzada. Nós empezamos pola área metropolitana tal e como se coñece actualmente, con independencia de que, no futuro, se poidan incluír nesa área ou nese futuro ente administrativo a inclusión de concellos como A Laracha e Carballo, non é algo ao que nós nos neguemos, de entrada, pero creo que é mellor non empezar a casa polo tellado e sentar uns cimentos firmes.

Están todos os partidos de acordo con este impulso, incluídos os do PP, a facer algo, se fose necesario para que a Xunta dea ese pulo necesario?

Si, eu creo que isto está por enriba do partido ao que cadaquén pertenza. Na comarca gobernan moi distintos partidos, desde Alternativa dos Veciños en Oleiros ao PP en Arteixo, ou Unión por Cambre, ou eu que son socialista. Cando sentamos todos os alcaldes temos obxectivos comúns, e creo que temos moitos máis puntos que nos achegan dos que nos poidan separar ideoloxicamente. O importante son os nosos veciños, niso estamos todos de acordo. Hai moi boa sintonía entre os alcaldes e alcaldesas da área metropolitana.

No horizonte están as eleccións autonómicas, poden desbaratar este bo ambiente?

Eu coido que non. Non creo que enturben a boa sintonía que existe entre nós, independentemente de que cadaquén, nas autonómicas, fará campaña polo seu partido. O que si pode mudar é o Goberno da Xunta e si que un goberno progresista, presidido por Gonzalo Caballero, podería facilitar o impulso da área metropolitana.

Segue enriba da mesa a ampliación do hospital, o presidente dixo que lle gustaban os terreos da fábrica de armas e que comunicaría a futura localización antes de fin de ano, non a fixo pública, díxolla a vostede?

Non, a min non. A información que teño é que a Xunta vai acometer esa ampliación do Chuac, que é un hospital de referencia e un dos máis importantes de Galicia e do Noroeste. É un hospital polo que hai que apostar, non só pola infraestrutura senón tamén polos profesionais que traballan no Servizo Galego de Saúde, polos nosos médicos, enfermeiros e de todo o persoal que se adica á sanidade pública. En canto á localización do hospital, eu pedinlle ao presidente, e sei que o vai facer, que me comunicase previamente cal é a situación escollida por eles porque, evidentemente, o Concello terá que acometer as obras oportunas para dotar a esa gran infraestrutura hospitalaria de accesos, acometidas... Por unha cuestión de respecto institucional, que sei que hai, supoño que, nos próximos días, me chamará para dicirme esa localización.

Nese terreo a Universidade ten avanzado o proxecto da Cidade das TIC, aínda que seguen ocupados por Hércules de Armamento, hai sitio para todos?

Hai sitio para todo, para a Cidade das TIC, para dotacións deportivas e para as hospitalarias, o caso é que queiran facelo alí ou executar o proxecto que había dun hospital en espello fronte ao actual.

Que prefire o Concello?

O Concello quere que se inicie a construción do hospital.

Dálle igual onde sexa?

A ver, se o poñen nos Cantóns, pois evidentemente, non. Estudarán as solucións técnicas e supoño que escollerán a que sexa mellor para a cidade e para o hospital. Non me cabe na cabeza que se constrúa semellante complexo hospitalario e que se boicotee.

A Xunta está a preparar o Xacobeo 2021, anunciaba proxectos, un deles a creación dun albergue de peregrinos na cidade, saben xa onde e cando?

Hai varias opcións para abrir ese albergue, queda pendente unha reunión coa Xunta para darlle pulo a ese proxecto, que sería unha boa nova para a cidade.

Santiago será protagonista, pero outras cidades teñen investimentos previstos, que lle vai tocar á Coruña?

Tocaralle ter a relevancia que ten a cidade da Coruña en Galicia. Evidentemente, Santiago ten importancia porque é o punto de destino, pero nós aquí tamén temos o Camiño Inglés e moito patrimonio cultural, gastronómico e de lecer que ofrecer a todos aqueles que se acheguen no Ano Santo. Eu pedinlle ao presidente, e el está de acordo, con que ten que ser un Xacobeo descentralizado.

Logo do peche do centro de baixa esixencia que había en Monte Alto, hai xa ubicación para un novo ou algo avanzado para lle dar unha alternativa a todas as persoas que viven na rúa e que podían ir durmir a este centro de baixa esixencia?

Farase. O centro que se abra cumprirá coa legalidade e non como o que estaba aberto.

Sendo un equipamento que é necesario para moitos veciños que non teñen fogar, está xa nas prioridades deste 2020 ou toca agardar?

A axuda ás persoas que non teñen fogar e que viven na rúa sempre foi e será unha prioridade. Os servizos públicos traballan todos os días do ano para darlle cobertura e apoio e axuda. A problemática dos sen teito é moi complexa. Hai persoas que xa levan tantos anos na rúa que é moi complicado facer que se integren nun centro, aínda que sexa só para durmir ou para pasar noites de frío. Pasounos nun destes temporais, que abrimos algún centro cívico para dar acubillo a estas persoas e que catro ou cinco mesmo nesa noite se negaron a ir. Oxalá non tivese que ser esta unha preocupación, pero hai que asumir a realidade e tratar de darlle solucións e axuda na medida que se deixen axudar.

Hai que construír un edificio ou pódese reciclar algún dos que xa hai para este fin?

O Goberno estudará a opción máis viable e que cumpra a legalidade.

Moitos proxectos dependen do Estado, en canto teña interlocutores que non estean en funcións, cales van ser as primeiras peticións que lle vai facer?

Quedan moitas infraestruturas, unha das primeiras reivindicacións é a Adif para a construción da intermodal, que xa se desbloqueou. Xa vai adiante coa Xunta, e o Concello fará a súa parte e queda que ese investimento do Adif se consolide e se consigne para iniciar as obras. A pasarela de Pedralonga, que levamos pedindo moito tempo. A conexión da AP-9 coa terceira rolda, a creación da cuarta, a Cidade das TIC, que o ministerio e Puertos del Estado veñan traballar no deseño da nova fachada marítima. Son proxectos de cidade aos que o Estado non é alleo e nos que se ten que implicar. A conexión por tren a Langosteira. Eu agardo que poidamos empezar a falar neste mes.

A licitación da intermodal non se desbloqueou, vostede e o delegado do Goberno presentaron que se ía licitar o de xuño, pero nunca máis se soubo.

Falta que nos dean o inicio das obras, o Adif ten que cumprir a súa parte para que estea rematada neste mandato e niso traballamos.

Déronlle algunha explicación de por que non se licitou?

Eu falarei co Adif a partir de que haxa Goberno.

Tanto o Adif como Fomento licitaron proxectos estando en funcións, como o aparcadoiro da intermodal de Ourense, por que eles si e A Coruña non?

Non o sei. A min preocúpame A Coruña e serán dos que falarei co Adif, con Puertos del Estado, cos ministerios e coas secretarías de Estado que estean implicados no desenvolvemento das infraestruturas necesarias para a cidade.

En canto haxa Goberno será que si, licitarase finalmente?

En canto haxa Goberno irei a Madrid falar con todos eles e entendo que a resposta non pode ser outra ca que si.

Pedirá a condonación da débeda da Autoridade Portuaria?

Será así, está falado con outros grupos políticos e coa Autoridade Portuaria. Falamos ben de condonación total ou ben da condonación parcial, hai que darlle unha solución a ese asunto e seremos os primeiros en pedilo.

Haberá consulta popular?

Non o sei, pero, en calquera caso, xa se fixo unha consulta con 736 participantes na que se presentaron diferentes proxectos. As consultas están ben pero nós estamos aquí elixidos democraticamente e, polo tanto, estamos lexitimados para tomar decisións en consenso.

Para a prisión provincial e a ría do Burgo...

Mencionei un montón, se quere tamén lle menciono os terreos de Defensa, fixen un resumo rápido de temas. Poderiamos falar de todos os investimentos e de todas as competencias do Estado.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook


esquelasfunerarias.es