Falar da historia das mulleres é, en moitos casos, falar do silencio. As mulleres levantaban as nacións tralas guerras, mantiñan activo o tecido social das vilas e, en moitos casos, eran as primeiras en tomar a iniciativa de se organizar sindicalmente, mais o relato dos feitos que o paso do tempo deixa da súa pegada non adoita ser xusto con elas.

O proxecto A Coruña das mulleres nace, precisamente, para combater a desmemoria. A Asociación Cultural Alexandre Bóveda leva o timón da iniciativa, mais que, porén, preséntase como un proxecto aberto que require da colaboración da colectividade para medrar e funcionar. Malia que a web do proxecto, corunhadasmulleres.gal, xa está en activo e pode consultarse, presenta so arredor de corenta biografías de mulleres coruñesas decisivas en cada unha das súas xeracións; unha pequena mostra das moitas que a asociación pretende compilar dende agora.

"A historia das mulleres referentes nunca está nos libros de texto. Queremos falar do feito polas mulleres traballadoras, das cigarreiras ou das lavandeiras e as súas folgas pioneiras mesmo no Estado", reivindica a presidenta da agrupación, María Xosé Bravo.

Un proxecto que busca pór no mapa non só as que tiveron o privilexio de ficar na historia con nome e apelido, como pode ser o caso da xornalista Mari Luz Morales, a primeira muller directora dun xornal no Estado; ou da matemática oleirense María Wonenburger. "Cando fas un traballo así, se non tes coidado, estás a falar sempre de mulleres de clase media. É importante non esquecer ás traballadoras anónimas", sinala Bravo.

Debido a esta premisa, comparte espazo con Morales e Wonenburger o colectivo das lavandeiras, que puxeron en marcha, hai mais de cen anos, unha folga que durou 15 días; o relato de Celia Rivas, primeira muller de España que sacou o carné de camión, e que o fixo, precisamente, na Coruña, ou a historia da futbolista Irene López, a primeira galega que se dedicou profesionalmente a este deporte. "Temos moitas testemuñas, pero precisamos colaboración para seguir compilando, como no caso das lavandeiras", lembra a presidenta de Alexandre Bóveda.

Dende a asociación invitan a calquera que poda contribuír ao proxecto a enviar as súas propostas a proxecto@acorunhadasmulleres.gal, que atopa a súa visión en físico na biblioteca do Ágora e pronto comezará a moverse polas diferentes entidades culturais e centros cívicos.