Se María Xosé Silvar esquecera fronte ao micrófono as súas letras, só tería que mirar á súa esquerda. Concretamente ao seu brazo, onde flúen en tinta versos de Luz Fandiño e Vicent Andrés Estellés. Conta que son os únicos que ten tatuados "por ser tremendamente humanos e humildes", a súa "meta na vida". Os poetas dan vida a dous temas do seu novo disco, Liberar as arterias, un álbum "intenso" con todo o espírito guerrilleiro de Sés.

O traballo sairá o próximo febreiro, apenas un ano despois daquel Rabia ao silencio no que homenaxeaba aos grandes letristas do século XX. Coa sensación de abrir unha nova etapa, a cantautora actuará o 22 de marzo no Pazo da Ópera (19.00 h), para o que se poden mercar as entradas en Ataquilla por un prezo desde os 20 euros.

Logo das versión do anterior traballo, botaba en falta recuperar a súa voz?

Si. Ese disco foi un pagamento que tiña que facer, tanto ás persoas que están aí como á lingua. Porque ese corpus de versións en galego tamén ten que engrosarse como o español. Pero Rabia ao silencio foi unha responsabilidade inmensa, porque é moi duro coidar algo que respectas tanto. Agora son máis libre. Se non che gusta, o que non che gusta é Sés, non Carlos Puebla. Botábao moito en falta.

Agora que Liberar as arterias

Con este disco teño a sensación de estar no comezo dunha nova fase. É como se pasase de curso, porque hai cousas que xa me resultan sinxelas, e agora son capaz de ouvir moito máis. Eu considérome cancionista, pero nunca lle dera tanta importancia á parte da estética do discurso musical. Agora que o outro xa o teño máis salvado, é como se avanzase.

O disco cita a Luz Fandiño e o seu "quero sangrar as miñas feridas para liberar as arterias". Aínda hai algo do que Sés teña que liberarse?

Si, e eu creo que todos. De feito, ese é un verso que levo tatuado aquí (sinala o seu brazo). Foi unha homenaxe a unha das inmensas poetas da nosa literatura, que está moi pouco recoñecida, e que di: "Non quero facerme escrava da ponzoñosa das xenreiras". Cando vemos inxustizas, empezamos a enfadarnos e acabamos contaminadas. Pero só hai unha vida e hai que vivila ben. Ademais, incluso orientados á loita, o vitalismo suma, e a rabia desubica.

A ira é a súa batalla persoal?

Si. Eu teño que loitar moito contra a rabia...

E vai gañando ou perdendo?

Vou gañando agora mesmo. No disco tamén se traduce que vou gañando porque, aparte de que cumpro anos, creo que aprendín a facer o que digo cun sorriso ante a malicia. Sempre foi o meu propósito, pero foi complicado. Cando cheguei a este mundo da música, vivín aínda máis o machismo, e chega un momento no que, se es unha tía intensa, podes chegar a ser un pouco escrava da rabia. Un ser humano tan fráxil coma min, a mercé dun contexto político e socialmente nefasto... A pouco boa persoa que sexas, tes que ser unha desequilibrada emocional da hostia (ri).

Agora conformouse?

Non, vou morrer matando. Pero agora xa sei a que aterme sen perder a coherencia. De súpeto, atopas unha estabilidade. E eu nótoo cantando. Nos outros discos escóitome amaneirada, porque sempre me quedaba corta por pudor. Pero aquí dixen: "Este disco non pode sonar así, porque me retiro".

Sorpréndeme o que di, porque non hai tanto que sacou Readmirando a condición,

Pois aínda seguía sen sonar a Sés. É que aprendo moito, porque nestes últimos discos tamén me encarguei de partes técnicas. E gañas moita perspectiva que eu non tiña. A min o que me gusta é facer cancións, escribilas...

Tamén a mensaxe...

Si, pero eu creo que iso é máis consecuencia da miña forma de ser. Aínda que estou empezando a caerme fatal a min mesma. Cada vez que vexo un vídeo de isos que colga a peña en YouTube, digo: "Eu non falo máis nunca".

Non lle convence a imaxe que proxecta?

Mira, son unha piba tan natural, que supoño que os extremos se tocan e que moita xente pensa que teño unha pose. E eu teño de todo menos iso, porque son o suficientemente intelixente como para, se escollo unha pose, escoller outra moito menos conflitiva e máis rendible. Entón, ou son tan parva -diríalle á xente a que lle caio mal, que poucos non son„ como para non saber escoller unha pose, ou por collóns teño que ser auténtica. Así que o único que ninguén pode negar que son é verdade.

Esa verdade, ten efecto contra a anestesia actual?

Claro. Se eu dixera que non, estaría sendo incoherente, porque eu son froito de discursos musicais. Haberá alguén que poida abrir unha porta igual que a min ma abriu [Víctor] Jara? Si. Pero que teña transcendencia real, non. Sobre todo, porque unhas das características do sistema actual que se ve no mainstream é a ausencia de contido. Xa non cousas como o machismo, que me parece unha estupidez esa guerra que hai contra o trap e o reguetón...

Non está en contra?

Eu crieime escoitando punk, e o punk non é machista? Ou o rock? O machismo está aí porque está na sociedade. Pero por favor, non ametrallar a unha xeración que xa ten suficiente...

Liberar as arterias será o seu sétimo traballo. Xa apenas pode fuxir do título de cantautora.Liberar as arterias

Non me desgusta que me chamen cantautora, o que me desgusta é o de cantante. Iso insúltame. Primeiro porque canto mal, e segundo porque me reduce. Como que cantante? Eu escribo, produzo, arranxo, edito e pago os meus temas. Cantante é a da Panorama, eu non. Nunca chamaron cantante a Víctor Jara.