14 de enero de 2020
14.01.2020

O galego, moito máis que unha materia na aula

O Fogar de Santa Margarita comeza unha nova edición do programa '21 Días co galego', no que é o único centro concertado participante

13.01.2020 | 23:06

Unha profesora do instituto da Pobra do Caramiñal, Pilar Ponte, foi a creadora no 2013 da iniciativa 21 Días co galego, coa que pretendeu fomentar o uso desta lingua entre os seus alumnos. A docente traballara anteriormente no centro coruñés Fogar de Santa Margarita, onde un dos seus antigos compañeiros, Carlos Medrano, decidiu tres anos despois estender esta experiencia ás súas aulas. O éxito foi tal que o programa é desenvolvido dende o ano pasado pola Xunta cara aos centros públicos de Secundaria e dos catro cos que comezou, son xa dez os participantes este ano.

O Fogar de Santa Margarita principiou onte unha nova edición de 21 Días co galego, no que é ademais o único centro concertado que participa, como deferencia por ser un dos pioneiros na súa posta en marcha. "Dende que naceu, o Fogar ten unha historia de implicación e compromiso coa lingua e a cultura galegas", explicou Medrano, quen lembrou que persoeiros como Agustín Fernández Paz, Xabier Docampo, Xavier Senín e a propia Pilar Ponte foron profesores no centro.

O programa arrincou onte no Fogar cun acto ao que asistiu o presidente da Real Academia Galega, Víctor Fernández Freixanes, co que o centro mantén relación dende hai tempo polo interese da institución en promover o uso do galego entre a mocidade. "Baséase na idea de que 21 días son os que se recomendan para adquirir un hábito", comentou Medrano sobre esta iniciativa, da que di que serve "para que os rapaces traballen de forma continuada durante tres semanas co galego e que se arrinquen coa lingua, sobre todo en zonas urbanas como A Coruña, que é onde máis falta fai".

O profesor engadiu que o programa ten un carácter lúdico e emprega as novas tecnoloxías, pero que tamén pretende que os rapaces non so falen o galego no centro. "Ese é o mérito que ten", sinalou sobre este aspecto, xa que busca "provocar un cambio na rutina dos alumnos fóra da aula a través das tarefas que se lles encargan nun blog e teñan unha escusa para falar cos amigos na rúa ou coa familia na casa". Medrano considera que este obxectivo se acadou, o que lle fixo merecer unha distinción da Xunta e a Real Academia.

"Tamén permítelles reflexionar sobre unha chea de cousas que están no día a día da materia de Lingua Galega", asegurou o profesor, como os prexuízos ou o medo a falar en galego. "A nosa idea dende un principio foi non só que continuase, senón que se difundise a idea", indicou sobre a súa concepción e de Pilar Ponte deste proxecto que este ano contará con 3.877 alumnos de 12 a 18 anos, 305 profesores e 60 traballadores de administración e servizos entre o 13 de xaneiro ao 2 de febreiro. Na comarca coruñesa, ademais do Fogar de Santa Margarita, participa o instituto Afonso X O Sabio, de Cambre.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

Sorteos

El Circo del Sol llegará a Santiago de Compostela, del 5 al 9 de febrero, para ofrecer uno de sus grandes espectáculos: Corteo. En LA OPINIÓN sorteamos 7 premios de 2 entradas

esquelasfunerarias.es