Un santo navegante que dá nome a un cemiterio e a unha praia; mais do que pouco se sabe. Un castelo, unha capela e unha fonte que un día levaron o nome do mesmo santo e dos que hoxe tampouco fica en pé unha pedra. Todos estes elementos comparten un nome, Santo Amaro, cuxa lenda, xunto coas reminiscencias da arquitectura que un día honrou ao santo na toponimia, buscan hoxe volver ser lembradas.

Esta vontade de rachar co esquecemento que rodea ao santo perséguena o polifacético Xurxo Souto e a historiadora Carmela Galego. Hoxe transmitirana na biblioteca da Asociación Veciñal das Atochas coa charla Amaro, o santo que atopou a illa do paraíso, unha xornada na que non faltarán o baile e a repichoca a partir das 19.30 horas. "Buscamos volver poñer na palestra á figura de Santo Amaro, que foi moi importante no barrio. A toponimia de Monte Alto merendouse á de Santo Amaro", explica Carmela Galego.

Os veciños buscan consolidar así a romaría de Santo Amaro Pequeno, unha xuntanza na que están chamados a participar nenos e maiores. A convocatoria nace para favorecer o intercambio entre os veciños máis vellos do barrio e os máis novos, de xeito que a memoria oral que os primeiros manteñen sobre as manifestacións desaparecidas compense a achega documental. Malia que a existencia do castelo no que hoxe se asenta o Club do Mar é ben coñecida polos habitantes de Monte Alto, a da capela de Santo Amaro, datada do século XVII e hoxe desaparecida baixo o pavimento no que durante moitos anos se celebrou a romaría das Merendiñas da Torre, continúa a ser unha realidade descoñecida polos seus veciños. "Baixando cara a praia estaba a fonte do Picho, que era a fonte da capela do santo e hoxe tamén desapareceu. Esa é a clave: reivindicar a lenda do santo e o seu entorno", sinala Xurxo Souto.

Unha arquitectura que foi desaparecendo conforme cambiaba a fisionomía da propia cidade, e un patrimonio inmaterial como é a lenda dunha figura que non consta no santoral católico mais que formaron e forman parte fundamental da identidade do barrio. "Aínda que este patrimonio marcha do real, continúa no imaxinario", apunta Galego.