Vidro, formigón, volumes e planos para facer que a vida da xente sexa algo mellor, un pouco máis digna, menos gris. Sobre estes alicerces se constrúe a obra do arquitecto Manuel Gallego Jorreto, nado en Ourense, pero xa coruñés, logo de tantos anos de experiencia, de estudo e de ensino nas aulas da Escola Técnica Superior de Arquitectura.

Para analizar polo miúdo algunhas das súas obras e que poidan ser coñecidas alén das fronteiras de Galicia, a revista Archives, na súa quinta edición, céntrase nos edificios e reformas de Manuel Gallego Jorreto „que foi dúas veces distinguido co Premio Nacional de Arquitectura„ desde o Museo de Belas Artes da Coruña ao mercado de Santa Lucía ou á residencia presidencial da Xunta en monte Pío.

"Eu pouco teño que dicir, eu son só actor nesta monografía", chanceou onte Gallego Jorreto na presentación da revista, á que acudiron non só compañeiros de profesión senón tamén o reitor, Julio Albalde, a alcaldesa da cidade, Inés Rey, e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e que se celebrou na Escola de Arquitectura. Quixo agradecer non só aos editores da publicación, o arquitecto Carlos Quintáns e o fotógrafo Juan Rodríguez, que elixiron as obras, os textos e as imaxes que compoñen a monografía senón tamén a quen está aínda por descubrir a paixón pola arquitectura e pola construción. "Espero que isto sirva para que pensemos na arquitectura, os que están estudando, para que se volvan máis intranquilos. Hai moito que facer, moitísimo, hai que facelo, e eu xa estou rematando, outros virán, pero estades vós aquí", despediuse onte Gallego Jorreto.

Del e da Escola de Arquitectura, dixo o director do centro, Plácido Lizancos, que "alimentan o debate sobre a forma dos nosos soños e sobre a forma da terra na que estes se alzarían", porque Gallego Jorreto deixou a súa pegada tamén nas aulas, onde segundo lembrou Lizancos, "transmitiu durante décadas con xenerosidade, todo o seu inmenso saber".

11

Manuel Gallego Jorreto, en un monográfico de la revista 'Archives'

Para Carlos Quintáns e para Juan Rodríguez, que se aventuraron a facer monografías de profesionais da arquitectura e das súas obras para que puidesen ser estudadas "en todo o mundo", nun momento no que tanto o sector da construción como o editorial estaba "en crise", esta publicación responde a saldar "unha débeda". Xa que, pensan que, nesta revista, que se edita dúas veces no ano, era preciso un espazo para a análise profunda da obra de Gallego Jorreto, para alguén que, segundo lembrou Feijóo, "non se deixou influír por modas" nin, tan sequera, polos seus traballos "precedentes".

Para a alcaldesa da Coruña, as obras que levan a sinatura de Gallego Jorreto, son a mostra de que a súa filosofía é quen de traspasar os planos para se converter en edificios públicos ou en fogares, xa que, como lembrou Rey, a finalidade última da arquitectura, para este coruñés de adopción, "é facer feliz ao ser humano". "Os seus edificios axudan a debuxar sorrisos", concluíu a alcaldesa.

O reitor da Universidade, Julio Abalde, quixo aproveitar tamén o acto para reivindicar que se "leve adiante" o proxecto de musealización do Castro de Elviña, cuxo concurso gañou Jorreto no ano 2004 e que contaba, entre outras actuacións, coa construción da Casa da Historia. A Gallego Jorreto, que asegurou onte que non lle gusta para nada ser o protagonista, que sempre preferiu a "sombra" e que as súas obras falasen por el, gustoulle, porén, ver a compañeiras, alumnos e autoridades na súa escola. "Penso que a xente se esquece de que a arquitectura pode facer máis feliz á xente e que se lle pode dar máis dignidade", dixo ante o auditorio, reivindicando, unha vez máis, que el é "un máis", pero que o realmente importante é esa arte que consegue construír e derrubar problemas para convertelos en lugares máis amables, máis habitables, máis dignos e para todos.