O arquitecto e profesor universitario Xosé Manuel Vázquez foi coautor, xunto con Xosé Lois Martínez e Plácido Lizancos, do estudo publicado en 2008 sobre infravivendas na Zapateira, ocupadas sobre todo por estudantes.

Como naceu o estudo?

Por querer visibilizar algo que sabiamos que ocorría. Sabiamos que existían residencias pero non sabiamos como estaban, onde, cal era o seu número... A sorpresa foi que apareceron unha chea de galpóns residencias habitados case sempre por estudantes do campus. En gran parte de Arquitectura, pola proximidade.

Eran 97 infravivendas, que porcentaxe eran estudantes?

Coido que sobre o 90%. Eran fundamentalmente para estudantes, das facultades máis próximas, Ciencias, Filoloxía...

O estudo amosou que non cumprían a normativa de habitabilidade contemporánea, pero tampouco a dos anos 70.

A realidade poñía en evidencia unha necesidade de ter onde vivir, e por outro lado, a picaresca, o aproveitamento da necesidade. Pero independentemente de non reunir as condicións de habitabilidade ou as técnicas, o máis destacable era o illamento. Eran habitacións individuais, cos residentes separados uns dos doutros. Era a renuncia á vida social universitaria. É o que máis nos preocupou. A universidade é moito máis que aprender teoría, é aprender a vivir. Aquelo era unha renuncia á convivencia, á mobilidade, á mobilización, a conectar coa cidade na que vives, a ter vida social, algo que é fundamental nesta época. Iso só se fai de xeito colectivo. O peor de todo é que impedían a vida social digna. Que un estudante veña á Coruña e non descubra a cidade. Esta é a punta do iceberg dunha realidade máis profunda de, como é a universidade hoxe, de se os plans de estudos dan tempos para ter convivencia...

Cal é a proposta de solución?

Nós non faciamos propostas resolutivas. A resposta nunca está no sitio onde se produce o efecto, e a causa era máis profunda que ese problema que afloraba, sendo grave. A solución non era técnica, nin construtiva, senón social, da universidade e poderes públicos. moito máis profunda e complexa, implicando a moitos máis actores.

Entón, a solución pasaría por dar alternativas de vivenda e cambiar os plans de estudo?'

Non sei se cambialos pero cuestionarse un pouco as cousas. É importante que os universitarios vivan a cidade e se impregnen da realidade social. O estudante ten que implicarse na vida social, descubrir sitios, deambular. É unha etapa de descubrimentos, sociais e persoais. A min o illamento era o que máis me preocupaba. Hai un pragmatismo, unha ansia de rematar cousas, que fai que sexamos seres case autistas coa realidade social. É preciso que os estudantes teñan unha vida social onde se mobilicen, reclamen, se queixen.

Entre os residentes dos galpóns non había colaboración ou sentimento de barrio?

Non llo permitía a situación. Entrabas na túa habitación e metíaste aló dentro. En xeral non se coñecían entre eles, nin sabían se había máis ou menos persoas nesa situación. Vivían co mínimo imprescindible, que a veces era menos do que un considera que é o mínimo. Non tiñan recunchos para convivir e compartir.

En relación á calidade do ofertado, os alugueiros eran comparativamente caros?

A resposta é complexa, había situacións diversas. Tamén hai pisos de estudantes na cidade que hai que velos. Estes eran malos, pero hai moitos pisos que cumpren moi xustamente as condicións mínimas. O que si facilitaba vivir na Zapateira era o acceso á universidade, e evitaban o autobús. Podíalles ser economicamente defendible ou cómodo. Pero eran condicións que competían con algúns malos pisos da cidade.

Como evalúa o que se fixo nestes doce anos?

Non seguín moito a cuestión porque vin que o problema era maior, e as miñas percepcións eran que era moi difícil eliminalo sen dar unha alternativa. A proba da complexidade do problema é que pasaron diferentes cores por María Pita e non foron quen de abordar o tema. Habería que abordalo cunha óptica máis profunda e implicadora, pero non sei como.