"Ser galego é coma ter unha carreira", lle dicía a Luis Zahera o seu pai, malia que el nunca o chegara a entender de todo. E o actor non pode máis que elucubrar a que se refería. Sospeita que falaba dun xeito de estar, dun modo de narrar o mundo cunha ironía sempre esvarando polos beizos. Esa retranca, coma un programa de estudos que cadaquén aplica á súa forma, é o fío común entre os que nacen na mesma xeografía, e a marca da casa cando un coruñés, vigués ou ourensán decide contar chistes fronte ao micrófono.

Tamén é o nome co que naceu hai xa dez anos Noites de retranca, un espectáculo ao xeito de Comedy Central, pero no teatro no canto da pantalla e co norte no xenoma. Cando deu comezo, confesan os que o estrearon, ninguén apostaba por seguir falando aínda del. "Non sabíamos que ía chegar tan lonxe, pero leva un montón de tempo aglutinando a humoristas galegos", di Manuel Manquiña, o máis veterano. O intérprete é dos que saben corrixir os seus erros, de alí a súa viaxe ata A Coruña. Mañá resarcirase como mestre de cerimonias no festexo do aniversario da gala, na que compartirá escena con Zahera e Rober Bodegas.

O pase do espectáculo será dobre "por necesidade", ás 20.30 e ás 22.30 horas no Colón. O cheo "está asegurado" porque poucos queren perderse este "triunvirato", segundo Zahera, no que se mesturarán historias persoais dos protagonistas. O gañador do Goya por El Reino lembrará vivencias coa súa nai, "algo polo que me da ultimamente", e "eses tempos nos que os de Santiago se metían cos da Coruña". Xunto a el, Bodegas nadará nos lodos do seu recente monólogo Fango, e mediará Manquiña coa súa comedia, que lle custou adaptar á pluma afiada do de Carballo.

"É o que máis lata me deu, porque é moi valente e traballa temas moi persoais. Ten un humor moi intelixente, pero moi difícil", explica o cómico. A súa banda, The Fabulous Weekend, suavizarán os tabús de Bodegas a ritmo de rock and roll, con versións de temas de The Beatles ou The Rolling Stones con letra propia. No repertorio colarase ademais un feliz aniversario para Santiago e Miguel, os irmáns Rababiero, artífices coa súa promotora do espectáculo.

A Manquiña non lle custa botar a vista atrás ata aquela primeira actuación en Ourense, na que foi unha dobre estrea. Dobre porque empezaba o ciclo, e tamén porque debutaba cos seus textos, o que lle acabou consagrando como monologuista. Antes de pórse baixo os focos houbo "moito ensaio", e tamén algúns nervios que compartiu Zahera. "Eu falei coas vacas sagradas da interpretación en Galicia, coma Manquiña e Quico Cadaval, porque me metía medo ese formato diante de todo o mundo. Pero logo é moi agradábel alegrarlle o corazón á xente", di o actor.

Bodegas é outro deses humoristas que estiveron desde os inicios, e que se engancharon ao show. O membro de Pantomima Full define esta década como "un escaparate" para o talento da terra, no que "va entrando xente nova e mantéñense os veteranos". "Gústame ver que seguen. Antes plantexábame se me abriría camiño, pero agora teño 37 anos, e fíxome nos maiores", ri o artista. Malia o punto de encontro que supón o espectáculo, Bodegas defende que o humor galego non é "colmea" nin ten "unha escola". "Toruiñán está nas antípodas de Piedrahita. Hai unha mesma ironía no fondo, pero a mensaxe é diferente", sinala.