Poucas ocasións ten unha cidade ao longo da súa historia para pensarse a si mesma, para reflexionar e proxectarse de xeito ordenado cara ao futuro a través dunha gran transformación urbana. Na Coruña estamos diante desa oportunidade. Unha oportunidade que debe ser aproveitada planificando adecuadamente a incorporación dos terreos portuarios á cidade a medida que os usos actuais sexan trasladados a punta Langosteira. O concurso de ideas que celebramos durante o pasado mandato no Concello, a través da Concellaría de Rexeneración Urbana, e que contou con representantes de todos os grupos políticos, ademais da sociedade civil e de reputados profesionais e académicos, demostrou que os desafíos medioambientais, da mobilidade, de creación de emprego e riqueza, da humanización e do goce do entorno urbano polos seus habitantes poden atopar respostas axeitadas á época que nos toca vivir e ao futuro próximo. Sempre, claro está, que a urbanización e o desenvolvemento desta amplísima bolsa de solo se faga de acordo con criterios de interese xeral e co control e a participación democrática da cidadanía. Evidentemente, tal cousa non vai pasar mentres a Autoridade Portuaria da Coruña manteña a privatización dos terreos portuarios e a edificación intensiva, de acordo cos convenios asinados no ano 2004, como única saída á débeda que asumiu no seu día para a construción do Porto Exterior. Esta vía de financiamento, esta hipoteca do bordo litoral da nosa cidade, foi asumida sen apenas crítica pola maioría das forzas políticas locais e polos seus altofalantes mediáticos, que desaproveitaron durante anos a súa capacidade para facerlle fronte. Por fortuna, as voces baixas da Coruña, esas ás que non sempre se presta atención dende os centros de poder político e económico, foron alzándose ata converterse nun berro alto e claro en contra da privatización dese espazo de oportunidade que é a nosa fachada marítima. E por primeira vez, nos últimos catro anos, esa vontade cívica atopou un goberno municipal que se puxo do seu lado, acadando aos poucos o posicionamento unánime da Corporación municipal, primeiro, en diversas mocións plenarias, e máis tarde tamén da Deputación da Coruña, o Parlamento de Galicia e mesmo o Congreso dos Deputados. A folla de ruta marcada no pasado mandato está clara. Os convenios de 2004, unha mala idea que o tempo fixo ademais inviable, hai que revisalos. Cómpre crear unha entidade pública, un consorcio no que participen todas as administracións, que asuma a titularidade dos terreos portuarios e os xestione coas mans libres. E para iso son imprescindibles dúas cousas. Dunha banda, que se dote punta Langosteira dunha conexión ferroviaria, para que acade a súa plena operatividade e poda financiarse cos seus propios tráficos. E por outra, condonación da débeda do Porto, ou unha medida equivalente, a través de achegas do Estado ao futuro consorcio, que permita deseñar o futuro da fachada marítima sen hipotecas de partida. Este foi o consenso acadado na Corporación da Coruña, e non sen dificultades, porque hai quen cambia de criterio segundo quen goberne en Madrid. Até hoxe ningún executivo, nin o de Rajoy nin o de Sánchez, lle prestaron a este asunto a atención que merece, pero hai que recoñecer que ninguén o puxo tampouco como condición para a investidura, se cadra por considerar que outras infraestruturas do país eran prioritarias. Este desinterese contrasta coa firmeza coa que, tanto dende a Marea Atlántica como dende o goberno municipal que tiven a honra de encabezar, denunciamos o agravio comparativo que supoñía a condonación da débeda da Marina de Valencia, o esquecemento absoluto dos intereses e necesidades da Coruña, e de Galicia, no proxecto de orzamentos xerais do estado de 2019 ou o propagandístico protocolo asinado entre o presidente Feijóo e o Ministerio de Fomento prometendo un investimento do que nunca máis se soubo. Porque o desprezo á Coruña, tanto na Xunta de Galicia como Goberno de España, foi constante no último lustro, e fino coa complicidade de quen non quixo molestar, supoño, á cúpula do seu partido.

Seguramente escoitaremos nos próximos días que estamos ante asuntos moi complexos e que Valencia non é igual que A Coruña. Entendo que os coruñeses e as coruñesas temos os mesmos dereitos que os restantes cidadáns do Estado: o dereito a gozar dunha cidade saudable, onde as mercadorías perigosas sexan retiradas dos terreos que actualmente ocupan no porto interior, e que isto se faga de xeito que prime o interese xeral e non abríndolle a porta á especulación e á mercantilización absoluta do noso territorio, da nosa cidade.

As complexidades non son de carácter técnico. Son políticas, de vontade política, e é aí, á hora de que as institucións conformen a súa vontade, onde a cidadanía debe ser firme e esixir o respecto aos seus intereses. E calquera forza política que queira estar á altura das circunstancias debe esixir que estas medidas comecen a tomarse xa, coa inmediata convocatoria da comisión de seguimento dos convenios, a posta en marcha do proceso de conformación do futuro consorcio e a inclusión no proxecto de lei de orzamentos para 2020 das previsións normativas e económicas tanto para a condonación da débeda como para a conexión ferroviaria do porto exterior. Porque A Coruña merece todo o respecto.