24 de enero de 2020
24.01.2020

Unha última lección co mestre músico

O profesor, músico e escritor César Morán xubílase rodeado de amigos e compañeiros tras 35 anos de docencia no instituto Agra do Orzán

24.01.2020 | 20:37
O músico e profesor César Morán, no centro, na homenaxe pola súa xubilación.

O instituto Agra do Orzán celebra, este ano, o seu medio século en pé. Deses 50 anos, foron 35 os que César Morán formou parte como docente da vida do centro, unha longa etapa como profesor de Lingua e Literatura Galegas que toca pechar estes días na mellor das compañas. Amigos, colegas e compañeiros quixeron render homenaxe ao tamén músico, escritor e poeta co que moitos compartiron un camiño de case catro décadas.

"Son 35 anos traballando con alumnos e alumnas marabillosas, dunha extracción social sempre de clase traballadora e popular", resalta Morán, para quen a paixón pola docencia chegou sen querer e rematou por tornarse en vocación. Malia que sempre quixo dedicarse á música, a súa formación en Filoloxía Hispánica e, máis tarde, en Galega e Portuguesa, encamiñouno ás aulas. Porén, nunca deixou de compaxinar ambas as dúas vertentes dentro e fóra das horas lectivas. "Dentro do centro, sempre organizamos actividades musicais e poéticas nas que contribuín sempre que puiden. Para ilustrar a literatura, tiraba de música ou de cine", relata Morán.

Son 35 anos nos que cabe de todo nun instituto integrado na vida do barrio que máis cambiou na cidade no transcurso do último medio sécul: a Agra do Orzán. Os últimos anos de COU e EXB, a chegada da Logse, a implantación do ciclo de Actividades Físicas e Deportivas, a diversificación do alumnado e o crecemento demográfico da zona marcaron distintos momentos aos que profesores e institución se foron adaptando co paso das décadas. "É moi interesante a masa social que compón o barrio, que nun principio proviña do rural e da migración retornada, e que, nos últimos anos, se enriqueceu coa chegada da inmigración", aprecia César Morán.

Non escolle o termo "enriquecer" ao azar, xa que é precisamente esta idiosincrasia do barrio da Agra a que fixo que o músico non pensase nunca en marchar. "Tiven sempre a oportunidade de cambiar a outro instituto se quería, antes sobraban as prazas para os profesores de Lingua Galega. Nunca quixen cambiar porque me parecía que este era o lugar no que quería estar", revela o docente.

Malia que o retiro é merecido, Morán admite que seguirá en contacto coa vida do centro, ao que ten moito que aportar e do que aínda pode aprender. O groso dos seus esforzos adicarao, nesta nova etapa da súa vida, a esa outra actividade paralela que ficou ás veces relegada a un segundo plano, mais que sempre foi primordial: a música, pero tamén a composición e a escritura: "Agora terei máis tempo para compoñer novos temas, para actuar, para facer cousas de tipo artístico. A xente pregúntame que vou facer agora co tempo libre. Pero se non teño tempo libre!".

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
esquelasfunerarias.es