Preto de 800 persoas participan nas actividades da Asociación Cultural Xacarandaina. "A maioría, enfocadas no folclore", conta o seu director, Quique Peón, quen recoñece que detrás de cada clase ou actuación hai "moitísimo esforzo a nivel persoal de tódolos membros e as xuntas directivas". "E moi pouca axuda institucional", apunta.

Recorda que "a xente é amateur" aínda que "a nivel artístico son todos profesionais". Xacarandaina recibe cada ano invitacións a festivais doutros puntos de España e do estranxeiro, o que supón un premio a tanto traballo. "Cando imos fóra, unha parte a paga o festival e a outra os gobernos. Pero nese sentido non hai axudas. É terrible", expón.

Quique Peón cre que "hai que dar alicientes á xuventude, como é levar a cultura ao exterior, pero sen eses cartos non se pode". "Todo o que se da é para o deporte e o cine", engade.

O director de Xacarandaina insiste en que "hai máis erros" relacionados coa cultura musical como que non hai un instituto do folclore. "Nin un arquivo dos traballos que moita xente leva facendo dende hai máis de trinta anos ou un instituto", denuncia, e recorda que iso é "patrimonio de todos os galegos". "É deprimente. Pasa e pasou noutros países, coma Bélxica, que xa case non ten folclore. Semella que sempre ten que pasar algo, por iso as administracións teñen que poñerse as pilas xa", opina Quique Peón.