"Non é só o esforzo de conservación", advirte Moncho Iglesias, o presidente de Cántigas da Terra, sobre o que supón para unha entidade deste tipo manter un arquivo como o que posúe, senón tamén o de darlle unha difusión e garantir o acceso ao mesmo das persoas interesadas nas partituras e instrumentos musicais que forman parte destes fondos. "Agás algunha puntual, non dispoñemos de axudas da Administración", explica Iglesias, quen salienta que cando se consegue algunha "hai que ter demasiada estrutura para poder tramitala, xa que están máis orientadas aos grandes museos que a pequenos fondos documentais como o noso".

"Cada vez que alguén quere acceder ao arquivo, temos problemas porque non temos profesionais remunerados e iso xera dificultades", comenta o presidente de Cántigas. "Necesitariamos un local adecuado e unha persoa ao cargo do arquivo, pero non podemos asumilo e non vemos vías de financiamento para poder facelo", salienta Iglesias, quen apunta que os principais ingresos da formación veñen da recadación dos espectáculos musicais e teatrais que pon en marcha e polas cotas dos socios.

En liña co que reflicte o informe do Instituto José Cornide, este coro padece un "envellecemento" dos seus integrantes. "Fáltanos unha renovación da xente, porque pouco a pouco vai entrando algunha nova pero non é o que nós quixéramos", admite Iglesias.

Sobre a consciencia que ten a Administración da riqueza cultural que posúen entidades como Cántigas da Terra, o seu presidente pensa que "debería tela porque levamos traballando moito tempo e a xente coñece o noso patrimonio cultural". Iglesias sinala que as administracións tratan a estas agrupacións como se tiveran "unha capacidade administrativa tremenda" polas esixencias que lles impoñen para atender a calquera tipo de axuda, que ao seu xuízo farían necesario un departamento xurídico e económico propio e obriga aos socios a traballar neste tipo de labor.

Outro aspecto que destaca é a incerteza que supoñen estas axudas, xa que non financian por completo os proxectos para os que se solicitan e, ademais, se reciben moito tempo despois, polo que os colectivos culturais vense obrigados a adiantar os cartos, co esforzo económico que supón.