Jacobo Sutil é o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), da que dependen dous centros coruñeses o Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) e o Centro Coreográfico Galego (CCG).

Nos orzamentos da Xunta baixan as partidas do CGAI e CCG, pero vostedes sinalan que se manterá o investimento. De que partidas sairá o diñeiro?

No caso CCG, están integradas noutras partidas da Axencia. As implementaremos a través de Agadic, ata chegar como mínimo aos 150.000 euros que tivo en 2019 [no orzamento figuran 50.000 euros]. Tamén é posible que se convoque un concurso para facer algunha coprodución a través do Xacobeo.

E no caso do CGAI, que pasa de 175.000 aos 132.000 euros?

Puxemos no orzamento a da primeira parte do ano, pero a incrementaremos ata que teña, como mínimo, a dotación dos últimos anos. Agora o CGAI ten máis actividade; antes estaba só en A Coruña, agora está en toda Galicia, con colaboración estable en Lugo, Ourense, Vigo e Pontevedra. Terá a execución orzamentaria do ano pasado ou superior. Hai que diferenciar entre o publicado na Lei de Orzamentos en setembro e a execución a finais de ano e hai que ter en conta os custos de persoal de cada centro e os gastos correntes.

A traxectoria histórica amosa unha caída moi importante. Tanto o CGAI como o CCG tiñan orzamentos superiores ao medio millón en 2009.

A traxectoria nos últimos anos foi de crecemento, demóstrao a execución orzamentaria.

Pero seguindo o orzamento da Xunta non hai unha tendencia crecente, desde 2009 hai un decrecemento para ambos.

Desde 2013 non para de crecer.

Houbo anos nos que baixou, outros quedou estancado ou houbo subidas.

Na partida do CGAI hai dúas partidas ben diferenciadas, a da programación da Coruña e de outros centros e compra de materiais de arquivo, e tamén vai manterse. Hai moitos anos había máis orzamento, pero desde hai bastantes anos o orzamento vai aumentando, pois estamos desenvolvendo accións formativas de máis calado dentro do CGAI.

O CGAI e o CCG están sen director. Hai críticas da Asociación de Actores e Actrices de Galicia e da Plataforma de Afectadas polo Centro Coreográfico Galego que consideran que coas reformas que introducen os próximos estatutos do Agadic, os vindeiros en ocupar o posto terán menos autonomía en relación á Axencia. Por que hai un cambio nos estatutos?

Este é o resultado da necesidade imperiosa de reforzar a estrutura de Agadic. Queremos ter un organismo que sexa capaz de transformar na linguaxe administrativa os plans para a mellora do sector cultural. É un cambio fundamental. No 2013 fíxose que o CGAI dependera da axencia, pero non estaba metido nos estatutos. Sen iso, tecnicamente, non podemos substituír ao director. Cando o incorporemos, poñeremos a praza en marcha. Tamén creamos un departamento novo cun coordinador de música e danza. A música non tiña servizo antes. Na da danza, precisamos un perfil máis de xestión para que atenda á dinámica da danza de toda Galicia, non para que atenda só ao que pasa no espazo do centro coreográfico. Este vai seguir aí e ser unha parte das responsabilidades, pero hai que conseguir que a danza estea máis representada nas programacións de Galicia, algo no que o CCG tiña pouca operatividade. Haberá procesos, residencias, estadías, formacións, que se fagan no CCG.

Quere ampliar as funcións e programas do CCG?

Quero que se fagan cousas que sexan eficientes. O centro de Elviña vai seguir aí e a disposición das compañías para residencias, formacións. Ímolo ver e planificar co sector. Pero hai algo que supera o ámbito do CCG que é a situación da danza en Galicia, que ten que verse cunha estrutura a maiores.

A Plataforma de Afectadas polo Centro Coreográfico Galego reuniuse con vostede, pero segue sendo crítica cos cambios. Non se lle entendeu?

Son críticos coas nosas decisións. Reclaman un plan para a danza para analizar a situación actual, ver a onde queremos chegar e ver os medios. Esa é a folla de ruta que imos manter, pero contando con todo o sector: a creación, a xestión, a comunicación, os programadores... Nas axudas á creación escénica do ano pasado creamos unha categoría para a danza dotada con 110.000 euros. Só houbo unha adxudicación de 43.000. Por que non se está utilizando? Haberá que tomar mediadas para conseguir que si se empregue. O importante é que sexa unha mesa plural na que estean representadas todas as sensibilidades.

Chamei á biblioteca do CGAI para pedir un posto para consulta e dixéronme que non estaba aberto por falta de bibliotecario, que podía consultar por internet ou chamar ao Agadic a Santiago.

Non hai un bibliotecario, pero a persoa que queira facer unha consulta pode pedir unha cita.

Fontes próximas ao CGAI critican que xa non se fagan publicacións propias, e a escaseza de exposicións. En 2018 só houbo unha mostra fotográfica. Vanse potenciar estes aspectos?

Exposicións temos algunha, en colaboración con entidades: o ano pasado fíxose o ciclo na homenaxe a Chema Prado. Estamos abertos a colaborar pero tendo claro que as labores principais do CGAI son o ámbito formativo, de arquivo e de programación.

O CGAI tamén perdeu traballadores. Recuperaranse os ceses desta última década?

O primeiro e o máis importante é cubrir o posto de director. A partir de aí tomaremos as decisións que haxa que tomar. Quero reivindicar a labor do persoal do CGAI.

Olalla Rodil, deputada do BNG, pediu a súa dimisión.

Ela representa a un grupo político que ten as súas intencións na situación na que estamos.

O CGAI expande a súa programación a outras cidades, vaise crear unha sede do CGAC en Vigo... Quedan de lado as inversións na Coruña?

O CGAC ten a súa sede central en Santiago. En canto o CGAI, ten unha programación moi completa na Coruña, vaise manter e imos financiala, diso non hai ningunha dúbida. Pero entendemos o CGAI como un organismo de ámbito galego e fixemos unha estrutura descentralizada nos últimos anos. É primordial manter a actividade na Coruña. Non pode haber ningunha baixada porque haxa outras subidas.

Cando se cree o novo posto do director do CGAI estará na Coruña ou en Santiago?

O director debe estar aí na Coruña, por suposto.