A primeira vez que Juan Berná escoitou a Rosalía de Castro foi na voz de Luz Casal. A artista coruñesa entoaba Negra sombra, un dos textos máis icónicos da poeta, da que o músico quedou cativado para sempre. O frechazo foi, en realidade, un tanto misterioso, pois probablemente non entendía o que dicía. Por motivos profesionais, o tamén compositor abandonara a súa vila en Alicante para mudarse a Galicia, na que tardou unha tempada en falar galego coa axuda da súa muller como mestra.

Hoxe, Berná manexa a lingua como o que a mama no berce, alentado pola peculiar querenza que sentiu desde mozo pola autonomía. Nela leva xa 20 anos, a metade como batuta da Coral do Sporting Club Casino da Coruña. Máis breve é o seu percorrido como membro do Rosalía Trío, no que toca o óboe e o corno inglés desde o encontro que viviu no Conservatorio Profesional. Alí coincidíu coa mezzosoprano María José Ladra e a pianista Margarita Viso, e decidiron "enseguida" bautizarse co nome dunha escritora cuxa pegada segue sobrevoando a carreira do artista.

Este domingo, o influxo das súas verbas volverá facerse patente. A formación reivindicará á santiaguesa nun recital na Fundación Barrié (19.00 horas), que forma parte do programa O teu Xacobeo impulsado pola Xunta. O concerto, que terá mañá o seu primeiro pase en Ferrol, replicará un total de 25 poemas tamén en Lugo e Santiago. As actuacións conforman o ciclo Música na fin do Camiño, coa que os intérpretes buscan "promover a poesía e a música galega" e reivindicar "Galicia coma a fin do itinerario cultural" que supón a ruta ata Compostela.

"O Camiño non foi só saída ou entrada, senón que permitiu que os compositores do país lle puxeran melodía á poesía da terra, e ao revés. Entre música e poema existiu e existe unha relación íntima en Galicia", explica Berná. O compositor admite que non tivo que rabuñar moito para atopar exemplos para colocar no seu atril. Pezas de Chané, Juan Durán, Marcial del Adalid ou Afonso X O Sabio foron algunhas das escollidas para o programa, no que non faltarán dúas obras do propio Berná sobre textos de Rosalía de Castro.

O seu Has de cantar e aquela Negra sombra que o enmeigou nos comezos, recrean as dúas caras dos versos da terra. Na primeira retrata o seu "ambiente festivo", que se trunca en tristura cando chegan as penumbras da segunda. Xunto delas, compoñen o concerto outros catro textos da autora, que se erixe como "paradigma da cultura da terra fóra de Galicia". "Rosalía transcendeu o local e inspirou a moitos músicos coa súa poesía", afirma o oboísta, que quixo facer un chisco a esa internacionalidade con compositores doutras comunidades e melodías noutras linguas.

En concreto, os intérpretes compartirán unha partitura de Viso en francés, e outra en galego chegada do mediterráneo. Ambas son unha proba máis da confluencia de culturas que acontece no Camiño, polo que pasan cada ano centos de bandeiras. Berná non puido aínda percorrelo, pero sinte dalgún xeito a súa débeda saldada. "Eu son de Albatera, unha pequena vila valenciana. Paréceche pouca peregrinación a que fixen de Alicante a Santiago?", chancea.