O gin-tonic é hoxe unha bebida ben popular en todo o mundo. Un combinado de xenebra e tónica, con cubos de xeo e algo de limón (segundo Manolo o do Pirata, un "twist" de limón). Semella que a súa orixe está nas prácticas dos oficiais da Mariña británica (Royal Navy) no século XIX, quen foron os primeiros en engadir á xenebra fabricada no seu país un líquido que, elaborado na India, axudaba a combater os efectos da malaria. Falamos da auga tónica, que levaba a quinina, cuxo sabor moi amargo era contrarrestado con auga, azucre e lima.

A moitos lectores resultaranlles familiares diversas marcas de viños quinados de notable éxito comercial. Esa bebida é o resultado de macerar os restos de viños doces nobres con substancias vexetais, como a cortiza da árbore da quina, e engadir azucre. Os nenos dos anos 50, 60 e 70 bebíámolos de cando en vez na casa (nalgún caso mesturados con xema de ovo), coa idea de que eran "reconstituíntes". Costume curioso e ben pouco saudable para a xente nova, pois os viños quinados levan alcohol (13%). A publicidade das marcas, co permiso das autoridades sanitarias da época, dicía que formaban parte dunha "dieta sana" e houbo campañas de moito éxito, como a de Kinito. Por outra banda, a quinina é utilizada, pola súa cor blanca (como acontece co amidón de millo, azucre, maicena, po de talco, etc.), mesturada coa cocaína, facéndose pasar por tal, para incrementar as ganancias da venda desa droga.

A quinina procedía da cortiza machacada da árbore da quina, un vexetal que inicialmente estaba só localizado nas colonias españolas de América. O rendible comercio co po da cortiza e a aparición de diversas especies vexetais produtoras propiciaron unha importante e longa polémica científica. En 1805, o tema foi resolto por Francisco José de Caldas.

Malaria ou paludismo, unha doenza da humanidade pobre

Durante moitos anos a quinina foi a única alternativa terapéutica fronte á malaria, unha enfermidade que acompaña á humanidade. O nome fai referencia á suposta causa, o mal aire, mais a orixe está en parasitos do xénero Plasmodium, microorganismos unicelulares transmitidos ás persoas por femias de diversas especies do mosquito do xénero Anopheles. Hoxe en día, hai centos de millóns de afectados no mundo e a doenza causa uns dous millóns de mortos ao ano „un cada quince segundos„ a maioría nenos africanos. A fins do século XX, o equipo do médico colombiano Manuel Elkin Patarroyo propuxo una vacina, porén non demostrou a súa eficacia. En 2015 a científica china Tu Youyou recibiu o Premio Nobel en Medicina polo descubrimento da artemisinina (da planta Artemisia annua), eficaz no tratamento da malaria causada por Plasmodium falciparum.

Un po curativo en medio de confusións

A aparición da malaria en América é atribuída á colonización do continente polos europeos e os primeiros indicios da utilidade da árbore da quina teñen que ver co uso entre a poboación indíxena do po resultante do machacado da cortiza dese vexetal, localizado nos bosques nubrados andinos.

Os xesuítas observaron como aliviaba os síntomas causados polas chamadas "fiebres malignas" ou "fiebres intermitentes" e trouxeron esa substancia a Europa. O po colleu sona cando en 1638 curou á muller do vicerrei, Francisca Enríquez, condesa de Chinchón, de aí que se lle puxera o nome de "chinchona" e "cascarilla da condesa". O éxito levou á Coroa española a controlar a produción, vía a Real Botica.

Desde o punto de vista do coñecemento técnico, a árbore da quina foi descrita en 1738 polo francés Charles Marie de la Condamine. Este científico estaba en América dirixindo unha expedición creada en 1735 pola Academia das Ciencias de Francia para o cálculo da medida dun grao do meridiano terrestre no territorio do actual Ecuador. Carl Linneo, o creador da nomenclatura binomial que serve para designar a unha especie de seres vivos por dous nomes en latín, describiu a árbore da quina en base aos datos ofrecidos por La Condamine e coa denominación de Cinchona officinalis ( officinalis indica que ten uso na oficina de farmacia), confundindo Cinchona con Chinchona, erro que permanece e que é toda unha metáfora das numerosas confusións que rodearon ao tema.

O negocio das chinchonas

A Cinchona officinalis era orixinaria dos montes de Loja, situados ao Sur da Audiencia de Quito (hoxe Ecuador), mais o descubrimento de árbores de quina noutros lugares „algúns bastante distantes„ provocou que diferentes botánicos as tratasen de equiparar coa que se consideraba idónea para curar as febres intermitentes. Esa incerteza sobre a identidade dos vexetais e a súa desigual riqueza na quinina que posuían favorecía a fraude de mesturar cortizas de diferentes árbores.

En 1761 chegaría a Bogotá un dos principais protagonistas desta historia, o destacado botánico e médico gaditano José Celestino Mutis e Bosio. Mutis unía á súa dedicación científica o interese polo proveito económico derivado da explotación dos recursos naturais. Coas quinas observou unha clara oportunidade de negocio e involucrouse no tema, o que favoreceu polémicas de diverso tipo. Nas discusións tamén participaron as expedicións científicas promovidas pola Coroa, como a Expedición Botánica a los Reynos de Perú y Chile, e algún enviado de Casimiro Gómez Ortega, Director do Xardín Botánico de Madrid enfrontado a Mutis. Cando semellaba que as quinas de Loja se esgotaban, entraron no mercado as novas quinas procedentes doutros lugares, entre elas as de Mutis, mais a súa escasa riqueza en quinina levou a que fosen rexeitadas pola Real Botica.

A historia continuou coa chegada a Bogotá en xullo de 1801 de Alexander von Humboldt e Aimé Bonpland. Os dous científicos europeos marcharon a Loja e, ao comprobar que a árbore da quina localizada alí non era a que lles ensinara Mutis, creron que se trataba dun novo taxon, ao que lle puxeron o nome de Cinchona condaminea. A confusión seguía.

O científico Caldas

Do complicado tema da árbore da quina quen vai saír bastante ben parado pola Historia é un personaxe singular, o popayanés Francisco José de Caldas e Tenorio (1768-1816), asociado á expedición botánica de Nueva Granada que Mutis dirixía. Este científico, coñecido hoxe en Colombia como "el sabio Caldas" asinaba algúns dos seus escritos como "Caldas, el gallego", pois o seu pai naceu na localidade pontevedresa de Caldas de Reis e a nai era filla doutro galego, Juan Tenorio (sic).

Caldas é todo un exemplo de superación intelectual. Adquiriu de maneira autodidacta formación en Astronomía, Xeografía e Botánica, e é coñecido polos seus interesantes traballos (por exemplo en bioxeografía) e o contacto, bastante frustrante, con Humboldt. O proxecto científico do crioulo lémbranos algo ao do noso Domingo Fontán: levantar unha carta xeográfica do seu territorio como punto de partida para o desenvolvemento do mesmo.

A solución do problema

da empresa montada por Mutis e as disputas asociadas, pero era consciente da necesidade de dilucidar a identidade da árbore da quina. Ao saber a intención dos integrantes da expedición do Perú en acceder a o territorio de Nueva Granada, emprendeu con urxencia a viaxe a Loja no inverno de 1803. Neses bosques, o esforzado científico percorreu, no medio de grandes dificultades, os seus complicados e arriscados camiños. E obtivo un magnífico resultado, plasmado na súa Memoria sobre el estado de las Quinas en general y en particular sobre la de Loja—redactada ao regreso da súa viaxe en Quito o 16 de marzo de 1805—, texto no que identificou correctamente a especie presente, C. officinalis, e fixou a súa área de distribución, un traballo pioneiro como descrición da área dunha especie vexetal.

Reivindicación

Un éxito que non chegou a ser valorado como se debía ata hai poucos anos. Polo escaso desexo de Mutis por clarificar o tema, debido aos seus intereses económicos, e os posteriores acontecementos que se sucederon a principios do XIX, co proceso independentista que percorreu as colonias hispanas en América e que acabaron coa morte do propio Caldas,fusilado polas forzas realistas en 1816.

Recentes estudos en taxonomía botánica e bioxeografía confirmaron as acertadas conclusións botánicas de Caldas. Do tema dá conta certeira un libro de recente publicación: La solución del enigma botánico de las quinas ¿incompetencia o fraude?A esa pregunta do autor, Joaquín Fernández, respondemos que no tema atopamos ambas cousas. E unha terceira, ruindade. Pero tamén, entre esa escuridade, un relevante e estimulante logro científico dunha persoa ben próxima a nós. Merecente das homenaxes que recibiu na terra dosseus nestes anos. Co impulso do Concello de Caldas, os actos incluíron conferencias na Universidade de Santiago, unha exposición en Pontevedra e un coloquio na Coruña (no Museo Nacional de Ciencia y Tecnología, Muncyt), nos que interviron salientables membros da Academia Colombiana de Ciencias, destacados profesores universitarios e investigadores. Reivindicando as contribucións científicas de Caldas e lamentando o pouco recoñecemento que tivo en vida.