A asociación Les Coruña nace na cidade coa premisa de poñer no mapa a visibilidade lésbica. Con ese obxectivo e moitos outros, poñen en marcha o Congreso de Diversidad Afectivo Sexual na Literatura, que se celebrará o próximo 28 de marzo no centro Cívico da Cidade Vella. Noemí Díaz, voceira da entidade, explica os fins que motivan a convocatoria.

Nace a iniciativa dunha necesidade de sacar a cuestión da literatura LGTB á palestra?

Si, por unha banda iso e, por outra, o obxecto da nosa asociación é a igualdade de mulleres e a visibilidade lésbica cun fin igualitario, integrador e diverso. Facemos un congreso de literatura porque vimos dun ano de facer un ciclo de escritoras visibles. Quixemos facelo ao grande.

Son suficientes os referentes que existen a día de hoxe na literatura escrita por mulleres?

Penso que aínda non. Fálase moitas veces de literatura escrita por mulleres, por homes... Defendemos que a literatura non debería ter xénero, non debería identificarse con iso. Dáse a casualidade de que as persoas que escriben literatura diversa son maioritariamente mulleres, pero non quere dicir que non haxa homes.

Que caracteriza a literatura diversa?

Falamos de diversidade afectivo sexual, ben polas autoras, ben polos libros en si, cando se mostran situacións de diversidade afectivo sexual diferentes, variadas. Que non atopemos sempre a un protagonista hetero ou cis, que existan na literatura as persoas LGTB.

Téndese a caer no tópico de converter a orientación sexual do protagonista, se é LGTB, na trama da obra.

Si. Hai que tratar con naturalidade realidades diferentes, que o foco da trama deixe de ser pertencer ao colectivo. Que a orientación sexual sexa unha característica máis da personaxe, como se é alta ou ten gafas. As autoras veñen a demostrar ao congreso que eses tópicos xa non son tan habituais.

Que criterios comparten as autoras seleccionadas para participar no Congreso?

Sobre todo primou que teñan diferentes puntos de vista, obras diferentes... Con todas tivemos xa contacto. É un primeiro congreso, ábrese a porta a novas propostas.

Pensan abrir a convocatoria, en edicións futuras do congreso, a novas propostas nas que as mulleres creadoras estean en desvantaxe?

Exacto, aínda que é un congreso de literatura, tocamos tamén a parte musical con Rodrigo Cuevas e Alba María Rodríguez. No mundo da música e da cultura en xeral, a muller e o colectivo LGTB están pouco visibilizadas. Non descartamos amplialo a máis sectores para crear espazos seguros e visibles para mulleres LGTB.

A celebración do Congreso poderá medir, dalgún xeito, a saúde do mercado da literatura do colectivo.

Si. Escollemos presentar o congreso no Centro Cívico porque non é o maior aforo, pero é unha primeira toma de contacto para ver como responde a cidadanía, e ver se o ano que vén podemos facelo nun lugar máis grande. Queremos visibilizar esta literatura, que é moi importante sobre todo agora, tal e como están os tempos.

Poden chegar a verse afectadas por propostas como o chamado "pin parental"?

Hai ese medo, esa sombra. Antes de que se soubera nada do pin parental xa estabamos movendo o congreso, pero agora é aínda máis importante se cabe. A literatura é un medio onde os adultos e os nenos podémonos ver reflectidos.

Son os xéneros infantil e xuvenil un terreo aínda por explorar na literatura LGTB?

Non é que haxa moitos títulos, pero son cada vez máis. Aos centros chegan, aínda lle custa pero está saíndo, os centros estanse movendo. A literatura diversa xuvenil e infantil é un mundo marabilloso aínda por explorar.

De que xeito incide facilitar aos rapaces o acceso a esta literatura dende estas idades?

Aporta referentes. Eu fun adolescente lesbiana, e faltáronme referentes na literatura, na música, no día a día. A discriminación nace da ignorancia. Se normalizas a literatura LGTB como ferramenta, evitas moitos dos conflitos.