O profesor de Lingua e Literatura Galegas Henrique Rabuñal (Arteixo, 1962), é autor de varias obras de poesía, teatro e narrativa, ademais de máis dunha decena de ensaios.Vén de publicar o libro Ricardo Carvalho Calero. O anxo da terra, unha biografía novelada sobre o literato e académico ferrolán, que recibirá homenaxeado na edición deste ano do Día das Letras Galegas. Preséntao este venres na librería Moito Conto, en San Andrés, ás 19.30 horas.

Cal é a estrutura do libro?

Hai una serie de narradores que van contando en primeira persoa a vida de Carvalho Calero e a súa produción literaria e científica en base á súa relación con el. Son, ben personaxes históricos que o coñeceron ou ben ficticios e creados por min. Por exemplo, Castelao narra a época na que coincidiu con Carvalho, no Madrid dos momentos previos á Guerra Civil, e creei unha xornalista que comenta a pegada do autor desde que morreu ata os nosos días. Inspireime dalgunha maneira na novela Scorpio, escrita por Carvalho Calero, onde hai un grupo de narradores que contan a vida do protagonista. Protagonista que ten moito que ver coa figura do propio Carvalho.

Como se documentou?

Fixen unha labor de documentación do periplo biográfico do protagonista, moi intenso e variado, e da súa produción escrita, absolutamente enciclopédica e vasta en todos os campos. Na creación, tocou a poesía, narrativa e teatro. Tamén traballou a lingüística e na sociolingüística. A labor fíxose co máximo rigor e extensión nunha obra que ten que ser necesariamente breve. Unha gran biografía daría para centos de páxinas.

Carvalho pasou os seus primeiros anos en Ferrol.

Practicou con moito amor e paixón a súa condición de ferrolán, e pasou uns 30 anos na cidade. Abandonouna a cidade para estudar e casar e volveu tras saír do cárcere en 1941. Os primeiros anos en Ferrol foron moi importantes para a súa formación cultural e ideolóxica. Relacionouse con personalidades como Manuel Comellas ou Xaime Quintanilla, membro destacados das Irmandes da Fala e alcalde asasinado en 1936, e colaborou con institucións como o Centro Obrero de Cultura. Ferrol é unha constante en Carvalho.

E a súa toma de contacto co galeguismo?

O contacto máis decisivo produciuse cando estudou Dereito en Santiago e entrou en contacto co Seminario de Estudos Galegos e a xeración Nós. Todos foron os seus mestres, pero tivo unha relación especial e de moitísimos anos con Otero Pedrayo e Castelao. O exilio e morte do segundo cortou a relación, pero Carvalho é probablemente o maior estudoso da obra de Castelao. Tamén foi militante do Partido Galeguista e participou na loita para que Galicia tivese un estatuto de autonomía, no marco da Segunda República, a cuxo nacemento asistiu con moita ilusión.

O fin desta, coa sublevación, colleuno en Madrid.

E participou na súa defensa, en Villaverde e Usera. Acadou o rango de tenente e foi destinado ao exército de Andalucía. En Xaén será xulgado, condenado e recluído no cárcere, ata que obtén en 1941 anos a liberdade condicional. É unha época que o marcou moitísimo, da que nunca falou con moita extensión, aínda que deixou pegadas nalgúns poemas, na novela Scorpio ou na súa obra de teatro Os Xefes. Ao saír entra nunha etapa que chamamos do silencio interior.

Como sae dese silencio?

Eu creo que acompañando aos proxectos que se poñían en marcha ao redor dos anos 50, como as súas publicacións na editorial Galaxia, revistas, xornais... Carvalho é un dos grandes protagonistas da rexeneración, recuperación e loita pola cultura galega que se vai verificar de maneira moi clara a partir de 1950.

Carvalho Calero foi tanto autor de novela, teatro e poesía como ensaísta sobre literatura e filólogo. Defíneo máis a súa vertente creativa ou académica?

Creo que as dúas son importantes, e diría que complementarias. Cando se dedicou de xeito moi intenso ao traballo académico tivo que descoidar un pouco a labor de creación, pero está desde que practicamente era un neno ate os últimos anos da súa vida.

Carvalho Calero é unha figura moi relacionada coa vertente reintegracionista do galego.

De Carvalho Calero hai que entender que ao longo de toda a súa vida sempre tivo unha inquietude e compromiso co galego. O seu propio galego escrito é un espello de como se foi configurando un galego culto no que estamos instalados. A partir dunha determinada época acentúa a visión de que o idioma debe coordinarse e reintegrarse no que consideraba un espazo lingüístico común galego-portugués. Pero esta aposta sempre a quixo verificar desde o consenso, o diálogo e a participación. Todas as funcións que desenvolveu na vida pública foron un servizo e compromiso permanente co noso país e a súa lingua e cultura.