Dende o mes de xaneiro, decenas de debuxos, publicacións e exemplares das obras de Castelao cobren o corredor do primeiro andar do IES Eusebio da Guarda. A exposición, impulsada polo Departamento de Lingua e Literatura Galegas do centro, homenaxea á figura do autor galego, e conmemora o seu 70º cabodano a través dun percorrido pola súa biografía e por tódalas súas facetas, dende a de narrador e dramaturgo, ata a de político, ensaísta, debuxante e pintor. "Castelao foi un home fiel ás súas ideas, un referente progresista preocupado de darlle á xente un futuro mellor e que cala moito no alumnado", explica a xefa do Departamento, Beni Vidal.

A raíz desta mostra, os mozos e mozas de 2º da ESO inspiráronse en Cousas „a colección máis representativa do rianxeiro„ para denunciar a lacra social da violencia de xénero a través de microrrelatos acompañados de debuxos orixinais. "Foi espectacular ver como os estudantes souberon captar a esencia das Cousas de Castelao e sintetizar a mensaxe que querían mandar neses relatos breves e caricaturas", conta a docente.

O traballo do alumnado recompílase baixo o título Cousas malas da vida, e rende tributo a quen, tal e como afirma Vidal, "máis ca un escritor, é un mito".