"Se hai unha panacea universal, esa é o amor", afirma con seguridade o escritor Vicente Araguas. Non é unha persoa, neste caso, o obxecto dos amores do poeta, senón un período, un revulsivo, unha sacudida social. Maio do 68 emerxe da memoria de Vicente Araguas en forma dun poemario presentado onte na cidade, que, baixo o título do amor non se fala soamente, elabora unha retrospectiva lírica daquel ano convulso que marcou un cisma en tantos e tantos aspectos.

A obra debuxa un percorrido, a xeito de calendario, que parte do asasinato en Bolivia do Che Guevara e remata por dar no black power dos Xogos Olímpicos de México. Da coruñesa Medulia Editorial sae un libro moi reflexionado, cocido a fogo lento durante nada menos que medio século. O libro estaba escrito, só restaba pasalo a tinta. "Tíñao todo na cabeza, faltaba o motor de arranque. A nosa xeración é a do 68 porque non é cando se nace, é cando se é consciente dos feitos xeracionais", reflexiona Araguas.

Foi no 68 cando un Vicente Araguas de 17 anos chegaba á Universidade de Santiago con espírito de protesta e afán revolucionario, motores que o levarían a fundar, con outros compañeiros, o grupo de canción protesta Voces Ceibes, que, entre outras, dotaba de acordes ás verbas de Celso Emilio Ferreiro. Unha experiencia que o escritor lembra con agarimo e que precisaba da súa propia homenaxe. "De súpeto, nunha universidade pequena como era a de Santiago empezaron a pasar moitas cousas, foi un curso tremendo. Non sei se de ter estado noutro momento, teriamos entrado naquela cousa", rememora o autor.

Un volume retrospectivo e introspectivo, unha poesía épica, lírica e confesional, pero en ningún caso nostálxica. Porque a reivindicación dos tempos pasados non impide apostar polas promesas do presente. "Non pretendo teorizar, quero andar sobre os pasos perdidos para recuperarme a min mesmo, e recuperar dese xeito ese ámbito que palpitaba daquela", sinala o escritor, para o que a principal diferenza entre hoxe e entón, alén dos 50 anos transcorridos, foi a perda da inxenuidade daquela adolescencia reivindicativa.

Dos tempos revoltos de antes aos de agora, no que o autor non pode evitar atopar certas similitudes coa emerxencia actual de movementos de extrema dereita e as mobilizacións estudantís derivadas destas, mais ten a súa propia teoría: "O que dá que pensar é que fracasou con todo aquilo para que agora pase isto. Baixamos a garda, acomodámonos en exceso, a sociedade de consumo fai o papel de estupefaciente".