En 2001, o barrio de Monte Alto veuse privado do Asilo de Anciáns, un inmoble emblemático, froito dunha operación urbanística catalogada por reputados urbanistas como unha "agresión ao patrimonio histórico-artístico", a saber, foi descatalogado, privado da protección da que gozaba e modificada a cualificación da parcela na que se asentaba. Os diversos medios de comunicación locais recolleron os sucesivos actos de protesta e de debate protagonizados por 85 organizacións representativas do movemento asociativo coruñés. Ese feito forma parte xa da longa listaxe de agresións infrinxidas polos sectores especulativos ao patrimonio cultural coa conivencia do goberno municipal de turno. A veciñanza de Monte Alto nunca foi resarcida con outro equipamento de similares características, senón que, pola contra, o seu lugar foi ocupado por vivendas de luxo. Pois ben, a teima do Ministerio de Defensa por desprenderse da parcela número 24 da rúa Adelaida Muro a través de poxas, até o de agora falidas, unida á venda de dúas parcelas do Campo da Estrada-Maestranza, xa materializada, non son senón reflexo e consecuencia de seguir apostando polos espazos públicos para facer negocio privado, actividade máis en consonancia cunha inmobiliaria que cunha institución dedicada a cuestións de defensa. O departamento ministerial de Defensa leva contabilizados sobre 48 millóns de euros desde xuño de 1984, data na que se asinou o convenio co Concello. Os resultados de tal concepción dos espazos comunais e das súas plasmacións prácticas comezan hoxe a facerse sentir de forma insoportábel, por canto conduciron a que o seu uso futuro quede en mans de especialistas burócratas, fieis servidores dos grupos hexemónicos da cidade e cunha visión notabelmente estreita das necesidades máis urxentes da veciñanza. Por ilo, cada vez somos máis os que pensamos que a normativa urbanística actual é un instrumento para o mantemento duns determinados privilexios pero incapaz de superar a gran contradición existente entre a necesidade cuantitativa e cualitativa de equipamentos públicos e a incapacidade do planeamento actual para ofrecelos. Por ilo, Defensa do Común e a Asociación de Veciños de Atochas-Monte Alto presentamos un texto de moción no pleno do 9 de xaneiro de 2019, aprobado co voto en solitario do BNG e coa abstención do resto dos grupos municipais a través do cal instábase ao goberno municipal a modificar a cualificación da parcela número 24 da rúa Adelaida Muro de cara a outorgarlle a condición de dotacional, impedindo con elo a posibilidade de construír vivendas. O planeamento urbanístico en mans dun Concello progresista é parte indisolúbel da veciñanza para eliminar as prácticas especulativas e así o entendemos. Os intentos de utilizar o común como xeito de negocio privado é outra cousa, é unha peza nociva para as necesidades máis inmediatas da veciñanza. É, pois, contra esas prácticas contra as que seguiremos loitando na liña de recuperar o común.