O escritor e profesor Bieito Alonso presentou na libraría Berbiriana da Coruña a súa última obra, Anarquistas Galegos en América, onde racha cos mitos que rodean a emigración e explora a participación dos traballadores galegos no movemento desenvolto no continente.

Hai pouca literatura ao respecto de emigración anarquista e de anarquismo en xeral. Débese a isto a escolla do tema?

É continuación de traballos anteriores en libros, artigos, publicación polo mundo adiante. A min interésame a presencia de traballadores do mar, galegos, nos portos da Costa Leste dos Estados Unidos. O que vexo é que hai unha parte dos traballadores galegos que son anarquistas, que teñen vinculación co movemento libertario, que non son poucos.

Estes traballadores estaban vinculados ao anarquismo antes de emigrar?

Non, cando emigran son rapaciños, fanse anarquistas alá. Esa presencia está repartida por todo o continente, son persoas que teñen certa relevancia dentro das estruturas sindicais, na prensa, nas escolas, é xente que ten importancia.

A que se debe que, existindo en cidades coma Coruña un movemento crecente, non empezaran a militar ata ter emigrado?

Ten bastante que ver coa idade. O seu patrón de idade é un abano dende os 13 aos 19, non tiveran tempo de ter un achegamento ao mundo do anarcosindicalismo aquí. Aí van vir as contradicións máis directas no termo laboral, e van ter contacto con persoas anarquistas, cunha formación, que os van guiar. Algúns si que é certo que emigran por razón políticas, foxen da represión, mais son a minoría. Son persoas que aquí xa están no movemento libertario e teñen que fuxir. A maior parte son persoas que marcharon sen ter ningún tipo de vinculación co anarquismo.

O libro desmonta o falso mito de que a emigración era unha medida desesperada nacida da necesidade.

Si. Evidentemente, quen emigra non ten unha gran fortuna, senón non o farían, pero hai que establecer graos. Durante un tempo estableceuse un falso mito sobre a migración a América, de que era unha opción de desesperados. Cando se analiza iso con un pouco de detalle, vemos que non é así. O proceso de migración ten que ver co que é a globalización económica, América precisa man de obra en circunstancias moi distintas e abre a porta a que se poida emigrar. Hai que ter recursos para ir, non estamos falando de xente que non tiña nada, aínda que a había. Hai o que podemos chamar a procura dun futuro mellor. Outro mito era que a migración era sen retorno, e non é certo, a xente tiña intención de volver.

Existe unha diferenza de motivacións entre os emigrantes a América e a Europa?

Si, haina clara. América ofrece expectativas máis amplas, quen emigra a América pretende resolver a súa vida, non estaba na miseria. Moita xente ía cun contrato para traballar, por exemplo, no Canal de Panamá, ou por exemplo os mariñeiros, que están nun entramado laboral moi diferente e as compañías norteamericanas ofrécenlle mellores condicións. Hai outra migración a América de outras características que montan o seu negocio propio, eso en Europa é moi difícil de atopalo.

Influíu isto en que a organización sindical anarquista tivera máis peso en América que en Europa?

Si, en Europa non existe ese vínculo. Cando se pon en marcha a migración nos anos 60, o movemento anarquista está nun devalo absoluto. O seu período de máximo esplendor é nos primeiros 30 anos do século 20. Hai unha competencia polo control dos traballadores asalariados con outros movementos como o comunismo. O anarquismo paga a peaxe e entra en devalo. Para cando emigran os e as traballadoras galegas, o anarquismo non exerce.

Existiu un retorno nos emigrantes anarquistas. Unha vez volveron, continuaban aquí co activismo?

Hai un proceso de ida e de volta. Primeiro, polo tema das deportacións das que foron obxecto os anarquistas, algo que ocorreu varias veces. Hai persoas que nun momento determinado deciden retornar, como é o caso do coruñés Enrique Taboada Chas, que exerce una actividade moi importante como anarcosindicalista á súa volta. Hai unha parte deles que retornan e seguen cos seus postulados libertarios, e hai outros que quedan alá.