21 de febrero de 2020
21.02.2020

Hostaleiros do Orzán piden que non se lles "demonice" e impulsan unha plataforma

A iniciativa suma xa unha vintena de establecementos, e pretende englobar toda a Pescadería || O sector di que non pode controlar que os clientes beban na rúa

20.02.2020 | 23:10
Os hostaleiros Pedro Vilariño e Xabier Barral, onte no Orzán.

O conflito polo ruído nocturno do Orzán suma unha nova voz. Os hostaleiros da zona realizaron a pasada mañá a primeira toma de contacto para a constitución dunha plataforma, coa que visibilizar as preocupacións que comezan a agromar nos traballadores ante o aumento das dimensións do enfrontamento. Os locais denuncian o "alarmismo" xerado, e piden que non se lles meta "no mesmo saco que o botellón". "Non imos pasar por que nos demonicen. Díxose que esta zona era o Bronx, e iso é mentira. Aquí a delincuencia non é habitual nin regular", asegura Pedro Vilariño, propietario de A Cova Céltica.

O hostaleiro é un dos voceiros do movemento, que reuniu onte a unha ducia de locais. En total son xa preto de vinte os que amosaron o seu apoio á iniciativa, que limítase polo de agora á parte alta do Orzán, pero que pretende "envolver toda a Pescadería e chegar á rúa Barrera, Torreiro e Galera, ademais de Estrela e Olmos". A franxa baixa da zona tamén se amosa receptiva a adhesión. Onte comezaron as conversas iniciais cos establecementos desa fracción do barrio, no que os veciños critican as molestias que os negocios de ocio nocturno lles producen nas súas horas de sono.

O pasado xaneiro, a asociación veciñal Ensenada del Orzán presentou un informe no que denunciaba que o 62% dos establecementos prexudicaban aos habitantes da zona, e cifraban en 50 os que suscitaran queixas ou denuncias. A realidade é distinta aos ollos dos hostaleiros, que aseguran que a súa "sensación xeral coa veciñanza non é mala". "Ese informe o fixo a asociación sen ningún tipo de rigor, e empezóusenos a meter no lote a moitos locais cun ocio responsable. Cando hai leas na rúa somos nós os que chamamos á Policía", asegura Vilariño.

O propietario leva 22 anos na Cova, e afirma que nunca tivo ningunha denuncia. Tampouco a Barbería, o local de Xabier Barral, que está ao mando do bar desde hai seis. O hostaleiro é outro dos voceiros da plataforma, que recoñece que hai establecementos que incumpren a normativa, pero que non é unha situación común. Defenden que entre os negocios hai "conciencia" por cumprir as regras sobre os niveis de ruído ou a hora de peche, e afean que "se apoien campañas de demonización cara o sector".

O colectivo refírese neste caso ao Concello, que o luns enviou á Policía Local aos bares do barrio para esixir o cumprimento da Ordenanza de Protección contra a Contaminación Acústica. Os establecementos recibiron requirimentos para axustarse aos horarios e realizar a actividade "coas xanelas e portas pechadas evitando a propagación de ruídos ao exterior", pero as forzas de seguridade tamén lles reclamaron "adoptar as medidas necesarias para evitar que o público efectúe as súas consumicións na vía pública".

A petición suscita malestar entre o colectivo, que sinte que se está a pór nos establecementos "toda a responsabilidade", e que non se valora o seu papel como dinamizadores do barrio. "Somos locais pequenos e autoempregámonos. Non podemos permitirnos ter a unha persoa todo o tempo na porta para intentar que os clientes non beban na rúa", di Barral.

O hostaleiro asegura que o sector está a favor de "cumprir coas ordenanzas", pero que o problema non se pode solucionar a golpe de " decretazo". Tampouco unha maior presenza policial no barrio, como reclama a veciñanza, é a solución para os negocios, que temen que un "celo excesivo" remate disuadindo á súa clientela.O presidente da asociación Ensenada del Orzán, José Luis Méndez, indicaba o mes pasado como alternativa a prohibición de beber no exterior dos locais. O dono da Barbería asegura que a medida provocaría que a xente migrase a outro barrio, e que "debe haber un control, pero non extremo".

Para atopar ese equilibrio é para o que nacerá a plataforma, coa que se quere "analizar o que está pasando, ter un diálogo e solucionar o problema". Á volta do Entroido os locais volverán a reunirse de novo, co fin de redactar un manifesto e poñerse en contacto co Concello.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
esquelasfunerarias.es