Cal é a valoración das inversións por parte da Xunta na Coruña e na contorna?

É que non investiu na Coruña e área metropolitana. Trae un suposto aumento de fondos para A Coruña en campaña, cando o propio Feijóo, cando inaugurou a pasarela de Marineda, afirmou que fora a principal inversión dos últimos catro anos.

E a da intermodal?

A asignación é pírrica. Para a de Santiago hai sete millóns, oito para Vigo, cinco para Pontevedra, máis de tres para Ourense, e para A Coruña 360.000 euros este ano e 150.000 no 2019, para un proxecto de máis de 26 millóns. O proxecto estivo parado desde 2015, entre outras cousas polo anterior Goberno local que obrigaba a cambiar o deseño, e parece que a Xunta non fixo nada para avanzar. As dificultades resolvéronse coa chegada do Goberno socialista e parece que o proxecto está desbloqueado. A conselleira Ethel Vázquez ven presentando ano tras ano as mesmas infraestruturas, pero estamos no 2020 e parece que vai ser agora cando o proxecto avance.

E no caso do centro de saúde de Santa Lucía?

O concelleiro de Urbanismo da Coruña reuniuse co Sergas e coa Xunta, e chegaron a acordar a distribución. O proxecto está un pouco parado, pero a competencia é da Xunta.

Que opina do protocolo que firmou a Xunta sobre os peiraos interiores desafectados?

É imprescindible que todas as administracións cheguen a un acordo e creen un consorcio para buscarlle saída aos terreos, dando unha certa rendibilidade para cubrir os gastos do porto exterior. A xestión do presidente da Autoridade Portuaria foi nefasta.

Cre que a Xunta debeu investir na rexeneración da ría?

Nesta lexislatura levarase a cabo a rexeneración polo compromiso do Goberno central, que é total. O 80% será con fondos europeos, pero o restante correspondería ao Estado español pero tamén á Xunta, que ten competencias exclusivas e non vai poñer un euro.

Como avalía a inversión no Chuac?

É improvisación total da Xunta pensando nas eleccións. Denunciamos continuamente que os orzamentos son mera publicidade, porque unha gran parte non se executan ou se modifican. Fixeron unha presentación sen informar antes ao Concello, que agora reúnese cos veciños e trata de expropiar o menor número de casas e buscar alternativas, pensando en situar o aparcamento noutra zona.

Cre que a Xunta debeu delimitar o BIC na Maestranza?

É Patrimonio que ten que pronunciarse sobre isto, pois é competencia da Xunta. O Goberno local traballa para ampliar a protección do BIC.

Cales son as súas previsións de cara ás eleccións?

O PSdeG, na provincia da Coruña como no resto, vai ser a forza do cambio, e na Coruña seremos a primeira forza política.