Un grupo numeroso de persoas xuntouse no mediodía do luns 21 de febreiro de 1820 fronte a Capitanía, na coruñesa Praza da Fariña. No interior do edificio uns 200 oficiais recibían ao xeneral Francisco Javier Venegas de Saavedra, que se reincorporaba á fronte da Capitanía Xeral de Galicia. Eran tempos de incerteza política, o tenente coronel Rafael del Riego alzarase o 1 de xaneiro dese ano fronte á tiranía de Fernando VII en Cabezas de San Juan mais o seu pronunciamento non tivera un éxito inmediato e semellaba que fracasaría. Porén, a decisiva intervención coruñesa estaba en marcha e ben coordinada. Ao tempo que os oficiais, fronte a un sorprendido Venegas, erguían as súas espadas berrando "¡Viva la Nación!", o tenente coronel Aranda saíu ao balcón de Capitanía e fixo un sinal cun pano á xente concentrada na praza, que de inmediato repetiu ese grito. Venegas foi detido e trasladado ao castelo de Santo Antón, no camiño atopouse con público da praza, a quen respondeu á súa proclama co berro de "¡ Viva el Rey!". A pugna estaba claramente exposta: Coroa, poder absoluto e súbditos fronte soberanía nacional, liberdade e cidadanía. O levantamento herculino resultou clave para a recuperación da Constitución de Cádiz e a posta en marcha do Trienio liberal.

Casiano de Prado, Ramón de la Sagra e Pedro Auber

Entre os que se manifestaron na praza estaban dous mozos de pouco máis de vinte anos, Casiano e Ramón, e un home algo maior, que falaba con acento francés, Pedro. O compostelán Casiano de Prado viñera vivir para A Coruña a fins de xaneiro de 1819, cando saíu do cárcere da Inquisición da súa cidade natal, na que estivo preso catorce meses polas súas opinións "heréticas" e lecturas liberais. En Santiago estudara Artes e Filosofía e acudiu ao Colexio de Farmacia. Co seu amigo Ramón asistira ao Colexio militar e ás clases de Matemáticas Sublimes de Domingo Fontán. En febreiro de 1820 participou na insurrección herculina, incorporouse á Milicia Nacional e formou parte activa da Sociedad Patriótica da Coruña, constituída o 27 de febreiro.

Ramón de la Sagra marchara para fuxir da represión absolutista a Madrid, cidade na que completou a súa formación con materias como Botánica e Astronomía. Alí estableceu contacto con negociantes liberais que tiñan intereses comerciais nas Antillas. Eles incorporaron a Ramón ao proxecto de recuperación da antiga Factoría de Tabacos da Habana, polo que en 1820 sairía para Cuba. Porén, antes da viaxe, pasou por Coruña, participou nos acontecementos de febreiro e colaborou con Casiano na publicación de El Conservador constitucional.

Pedro Alejandro Auber Fondniare era un francés que pasara a España coa invasión dos exércitos napoleónicos. Amigo persoal do xeneral Luis Lacy, veu para A Coruña en 1813, cando nomearon a ese militar Capitán Xeneral de Galicia. Auber fundou, en 1814, a Logia Constitucional de la Reunión Española, considerada a primeira en Galicia. A persecución absolutista obrigou a transformar a loxa nunha máis pequena, secreta e con compoñentes militares, cambiando o nome por Los Amigos del Orden, que participou activamente en diversos intentos de restauración liberal. Na cidade herculina casou coa coruñesa Ubalda de Noya Abad e fíxose cidadán español. Impartía docencia de Ciencias nunha academia que rexentaba coa súa dona na rúa da Trompeta, 1.

No terreo científico local destacaba o labor do Consulado Marítimo y Terrestre, que era, ademais, un foco notable de liberalismo. Nos seus locais exerceran Francisco Cónsul Jove e Francisco Esteban Yebra e, en 1820, era profesor de Matemáticas e director da escola de Náutica Cayetano Fernández Villamil, comprometido co proxecto liberal.

O salientable protagonismo da cidade no Trienio non foi algo casual. A presenza do movemento liberal era ben notable nela e xa en 1815 tivera lugar o fracasado pronunciamento do mariscal Juan Díaz Porlier. Esa posición era o resultado de máis de 50 anos de acumulación de forzas liberais, pois desde que en 1764 se inauguraran os Correos Marítimos con América a cidade aumentara espectacularmente a súa poboación, na que salientaban comerciantes, emprendedores e profesionais interesados na superación das restriccións que impuña o vello réxime. A defensa da liberdade individual e colectiva pasou a ser un elemento clave da identidade da cidade.

Protagonistas noutros lugares

O mariño e matemático ferrolán José Alonso López Ferrol tamén estaba comprometido na conspiración. Participou na organización do levantamento liberal na cidade departamental, que tivo lugar o 23 de febreiro. Os alzados consensuaron unha Junta Provisional, na que figuraba o científico. Nese ano 1820 sería, de novo, elixido deputado a Cortes na primeira lexislatura (1820-1821) e volvería na extraordinaria que tivo lugar entre setembro de 1821 e febreiro de 1822.

En Santiago as novas do acontecido en Coruña provocaron unha reunión das autoridades, que decidiron resistir, pero a falta de apoios sólidos levou á súa retirada, polo que o 24 entrou, sen oposición, o continxente militar procedente da Coruña, ao mando do coronel Acevedo. Os liberais da cidade agardaban, expectantes, esa chegada. Ese era o caso de Julián Suárez Freire na súa botica, chamada "esquina do combate", xa que ese espazo entre a rúa do Preguntoiro e a praza de Feijoo era o centro de maior actividade política liberal da localidade. Suárez Freire levaba a dirección do Colexio de Farmacia de Santiago, no que se ocupou da cátedra de Farmacia práctica ao mesmo tempo que realizaba numerosas xestións en colaboración con Xosé Rodríguez para dotar á institución dunha localización estable, o que se conseguiu en 1820 coa significtiva instalación do mesmo na que fora casa da Inquisición. Con el traballaba, no Colexio de Farmacia, o químico Gabriel Fernández Taboada. Outro científico liberal, José Francisco Vendrell de Pedralbes atopábase no Colexio de Cirurxía, do que era profesor, no local da rúa de San Francisco. Domingo Fontán agardaba acontecementos en Fonseca, pois era, desde 1818, catedrático de Matemáticas na universidade. Nas aulas xa non estaba Juan Bautista Camiña, profesor de Física, pois fuxira a Porto a raíz das represalias absolutistas de 1814, que tamén afectaran a Fontán.

A Madrid chegaron as novas do levantamento coruñés. O seu éxito en Galicia e noutros lugares axudou a que o de 7 marzo se organizara unha concentración liberal arredor do pazo real. A falta de apoios reaccionarios moveu a Fernando VII a asinar o día 10 a Constitución de Cádiz, á que volvería a traizoar poucos anos despois. Na capital observaba o acontecido un sobranceiro científico, o matemático Xosé Rodríguez González, de firme compromiso liberal e peza clave no grupo científico galego e na institucionalización científica do país. Residía alí porque era director do Observatorio Astronómico e profesor de Astronomía do Museo de Ciencias Naturales desde 1819. En 1821 accedería á cátedra desa materia na Universidade Central.

Xeración de científicos rebeldes

Casiano de Prado, Ramón de la Sagra, Pedro Auber, Francisco Cónsul Jove, Francisco Esteban Yebra, Cayetano Fernández Villamil, José Alonso, Julián Sánchez Freire, Gabriel Fernández Taboada, José Vendrell, Juan Bautista Camiña, Xosé Rodríguez... Alto!, e as mulleres? Si, na lista non aparecen. Tampouco é casualidade, foi o resultado da discriminación de xénero que lles afectou durante séculos, pois ata 1910 non puideron acceder a estudos superiores e o exercicio da profesión derivada.

A maioría dos científicos relevantes do momento, os máis activos, que constituíron a primeira xeración salientable que deu Galicia nese ámbito do coñecemento, estaban comprometidos co liberalismo. Unha expresión política que nese tempo supuña cuestionar o sistema vixente, nese sentido, estes científicos foron rebeldes. E contaban co apoio dunha parte notable da oficialidade do Exército, institución que cambiara de perfil a raíz da invasión francesa, polo que os mandos deixaron de estar reservados para nobres e fidalgos, permitindo o acceso doutras capas sociais, de feito, tanto Casiano de Prado como Ramón de la Sagra foran cadetes do Colexio militar de Santiago Co paso do século o Exército iría abandonando as posicións críticas e asumindo os intereses da elite social e política conservadora. Pero en 1820 aínda non pasara.

Os nosos científicos viviron como o drama da guerra provocada pola invasión francesa en 1808 tiña, cando menos, a compensación dunha transformación política positiva, o paso do absolutismo a un réxime liberal, soterrar o Antigo Réxime. Nese sentido, marzo de 1812, coa Constitución de Cádiz, pareceulles o inicio dun mundo novo a aquel grupo. Despois, en 1814, viría a decepción, a represión e os pronunciamentos. Porén en 1820, co Trienio liberal, semellaba que por fin o camiño do cambio ficaba establecido e varios colaboraron co novo réxime.

Lembranza e recoñecemento

Porén o Trienio liberal foi un breve período en medio dun desolador panorama autoritario. Os científicos comprobarían nas súas propias carnes como os momentos políticos de avance en España teñen unha notable fraxilidade. Volveu a reacción, a Europa da Restauración absolutista non podía permitir un goberno que fose na dirección contraria; ademais, nestas latitudes os partidarios do vello sistema mantiñan altas cotas de poder. A comunidade científica emerxente veu atrancada a súa evolución natural, a continuidade xeracional. Os que sobreviviron e puideron retomar ao seu labor científico fixérono, case sempre, lonxe de Galicia. Mais hoxe cómpre lembrar e recoñecer a aqueles que se implicaron naquel febreiro de 1820 na recuperación da liberdade, aos que fixeron que douscentos anos despois nos sintamos orgullosos deles e do papel da nosa cidade. Na súa memoria berramos: "Nunca máis súbditos!, Viva a liberdade!".