Como ve o resultado das inversións da Xunta na cidade desde 2016?

É dramático, por ser suave. A política foi a de poñerse de perfil ou bloquear o que puido, sen propostas na área metropolitana, sen compromiso coa Cidade das TIC e sen inversión en vivenda pública. De máis de 120 millóns para as sete cidades nos orzamentos de 2020, á Coruña tocábanlle 4,5 millóns.

A que achaca o atraso na intermodal e o centro de saúde de Santa Lucía?

En Santa Lucía puxeron pegas a todo. Primeiro que se era vertical, logo que estaba moi lonxe, logo era imposible a compatibilidade co mercado... E na intermodal, achacaban que o Concello facía alegacións, que non foi problema en ningún lado. Eran escusas para botar para atrás o proxecto. Agora a intermodal de Compostela está practicamente rematada, e a de aquí, xa veremos. A actitude da conselleira de Infraestruturas era de xulgado de garda.

A Xunta tamén defende que a rexeneración da ría do Burgo non é da súa competencia.

Ten competencias exclusivas en medio ambiente, e dela tivo que ser o liderado. Fálase dunha inversión de 36 millóns e a Xunta tiña que poñer como mínimo o 50%. Non buscan solucións, senón bronca para usala electoralmente.

E no caso do Chuac?

É un anuncio para a galería, é incrible que non se falara cos afectados.

A Xunta firmou un protocolo sobre os peiraos hai dous anos.

Anunciou que ía aportar 20 millóns, pero non hai nin un euro nos orzamentos. Non van facer nada, niso nin para achegar ao tren de proximidade ao centro. A política faise nos orzamentos, non nas roldas de prensa.

Como cre que votarán os coruñeses en abril?

Non me gusta ser adiviño, pero espero que o conxunto das forzas progresistas supere amplamente ao Partido Popular, como pasa habitualmente.