O deus Momo negábase onte a deixar o seu trono, a despedirse do Entroido que, cada ano, o converte en protagonista, en guía, compañeiro e confidente.

Ofreceuse, desde o seu elevado altar, a fichar polo Concello e, deste xeito, evitar a queima, pero non foi posible. Alí, no Campo da Leña, precedido por cancións como Carnaval, Carnaval, Carnaval te quiero, tivo que dicir adeus a quen, vestido de loito ou de rúa, pero co corazón aínda na festa, choraba a súa despedida.

"Onde vou todo está demasiado limpo, é todo matemático. Alí non son máis ca un deus aborrecido", laiábase o deus Momo, co seu parecido ao finado Fernando Amaro, asesor de festas do Concello, falecido en abril do ano pasado, e a súa chaqueta azul da comparsa Monte Alto a 100, o seu porquiño e o seu barril.

Pedía onte o deus Momo que se fixese un referendo para decidir se era posible estender o seu mandato durante todo o ano. "Ou pedídelle unha enquisa a Tezanos, que sempre lle saen tan de xeito... Ou teño que ser catalán para que me fagades caso? Non quero ser catalán, son galego da Coruña e a moita honra... Por que non podo seguir coma un máis? Prestádeme atención, por favor, pódome enchufar como asesor de festas na Concellaría de Cultura, eficaz fontaneiro para planificar uns próximos entroidos que sexan o pasmo do mundo occidental", dicía onte o deus Momo, logo de tantos días de festa, de choqueiros nas rúas, de carautas, de saias cortas e bigotes, de trenzas e pixamas.

27

Entroido A Coruña 2020 | Un Momo máis, unha sardiña menos

Non quería marchar porque sabía que, logo de ser destronizado, viña o derradeiro paseo, o que rematou na praia de Santo Amaro, con lume, con fogos artificiais e coa sardiña volvendo ao mar. O mesmo que a verá renacer o Entroido que vén.

Coma todos os anos, xuntáronse para lle dicir adeus á mellor época do ano mulleres vestidas de negro, mantillas, peinetas, moitas bágoas finxidas, un enterrador que escondía a botella de cervexa entre a chaqueta e a camisa, unha charanga que amenizou a despedida, cregos, demos, sancristáns , monxas e ata unha catrina mexicana con sardiñas colgando.

"Deixádesme sen coroa, despoxádesme das miñas vestiduras e condecoracións. Son unha negación absoluta. Eu, o rei do Entroido, son un ninguén", queixábase onte o deus Momo.

Os máis pequenos volverán ser protagonistas desta festa o vindeiro sábado, 29 de febreiro, xa que, na Cidade Vella se celebrará o Entroido Pequeno.