01 de marzo de 2020
01.03.2020
Concelleira de Marea, antiga responsable de Xustiza Social

Carmen Loriga: corazón e compromiso coa Xustiza Social da Coruña

29.02.2020 | 19:59

Nesta vida hai faros que nos guían e brillan con luz propia. Carmen Loriga era unha desas persoas. Tristemente, a súa luz apagouse esta mesma semana de xeito repentino e inxusto. Pero a quen tivemos a sorte de coñecela, nunca nos abandonará a súa memoria. Gozamos da enorme fortuna de traballar con Carmen man a man, cando foi xefa de servizo de Xustiza Social e Coidados durante o mandato de Xulio Ferreiro. E ao seu carón aprendemos, loitamos e abrimos camiño. O único tan grande coma o seu compromiso era o seu corazón.

Carmen Loriga foi unha muller de ollos grandes, sempre abertos para ver o mundo como é, e non como nos contan. Nunca entrou no xogo da razón fría e o autoengano. Nunca deixou que as cifras ocultasen ás persoas. Pelexou incansablemente por unha nova maneira de entender o traballo social onde o poder o tivesen as cidadás e os cidadáns. Tivo a fortaleza de non renderse nunca, pese ás resistencias que atopou da vello orde, e as súas 'armas' foron a intelixencia e a paixón.

Era unha muller feita dunha materia especial. Adoita dicirse que neste mundo non hai ninguén imprescindible, mais Carmen si que o era. Foi imprescindible na posta en marcha da Renda Social Municipal, que se converteu nunha segunda oportunidade para centos de familias. Foi fundamental para o impulso do programa de axudas A Flote, para quen non podía agardar o lento andar da burocracia. Sacou adiante a iniciativa Housing First para o dereito á vivenda, a descentralización dos Equipos de Atención Social, a redución das listas de espera en Servizos Sociais, as melloras que introducimos na oficina de maiores e na atención á dependencia...

A súa man e a súa cabeza estiveron detrás de moitas das accións que puxemos en marcha desde o anterior goberno municipal para facer desta cidade un lugar máis habitable. Estaremos sempre en débeda con ela e coa súa familia.

Carmen Loriga dedicoulle á Xustiza Social incontables horas de traballo e enormes renuncias. Loitaba para que as demais tivesen unha vida digna, pero sacrificaba o seu propio dereito a tela, unha contradición na que moitas de nós caemos. Pese ao cansazo, sempre mostraba o seu mellor sorriso, e sempre coidaba das demais.

Tiña Carmen un olfato especial para detectar os estados anímicos. Por iso, nos días de maior desalento sempre sabía animar cunha ollada, cunha palabra... ou con algunha lambetada non apta para diabéticas. Ao seu carón todo semellaba un pouco máis doado.

Deixa un baleiro grande, pero un exemplo aínda maior. O nome de Carmen Loriga quedará por sempre na historia desta cidade.

Que a terra che sexa leve, mestra!

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
esquelasfunerarias.es