O que fóra concelleiro de Rexeneración Urbana no mandato anterior, Xiao Varela, defende o rexeitamento de Marea á proposta de redistribución no ámbito do parque do Agra. Pídelle ao edil de Urbanismo que analice outras solucións que encaixen coas demandas veciñais opostas á edificación e censura a "falta de diálogo" do Goberno socialista.

Como se explica que non apoiara un cambio urbanístico baseado na súa proposta e que a mellora nalgún aspecto?

É máis complexo que pensar niso. O urbanismo constrúese a lume lento e escoitando todas as voces e tratando de buscar equilibrio. E vemos que isto non sucede agora. Nós fixemos a primeira das fases, a de avaliación ambiental estratéxica, e lanzamos un borrador da proposta máis equilibrada sabendo que se ía ter que modificar, sen que aínda houbera alegacións. O Goberno actual non está a escoitar á cidadanía, nin neste caso nin co Chuac nin coa fábrica de armas. Está en minoría e ten que negociar. Se nós estivésemos no goberno non levariamos a proposta que se levou ao pleno porque ten unhas alegacións da veciñanza e de Patrimonio explícitas e razoables.

Nunha negociación as partes ceden. É posible o acordo se os veciños non se moven da postura de edificación cero?

O que está claro é que a veciñanza non está satisfeita coa proposta. Non vou falar polos veciños, se teñen que ceder ou non. Ao Goberno municipal tócalle atopar un punto máis equilibrado pola falta de consenso. Villoslada di que falou coa asociación de veciños, pero non cos veciños, e onte no pleno estaban os veciños de Camiño do Pinar sen queixarse fóra, e con eses non falou o edil. Se o PSOE fai ben as cousas pode chegar a equilibrios. É moi difícil nunha modificación tan difícil como esta que todo o mundo estea de acordo, e hai que poñer por diante o interese da cidadanía.

Co risco de que a reordenación do polígono se atasque?

Non se pode tirar a toalla por non pasar a aprobación. Nós nos sentamos cos afectados e interesados para buscar solucións con equilibrios para desbloquear as situacións. Hai que negociar, gobernar. Agora o concelleiro ten máis pistas, ten que sentarse cos técnicos e facer seguramente estudos económicos máis eficientes, ver se o sistema de actuación pode ser distinto, se é posible que haxa permutas de edificabilidade...

O edil de Urbanismo bótalles a culpa dese bloqueo.

Niso se equivoca. Está gobernando en minoría, a nós xa nos tocou xestionar a súa herdanza e fixémolo o mellor que puidemos. Agora tócalles a eles, que inauguran as nosas obras ou as levan ás mesas de contratación. Se nos bota a culpa a nós, non vai poder avanzar neste mandato, de non ser capaz de aprobar cousas no pleno.

Falou o Goberno local coa Marea no desenvolvemento do cambio urbanístico?

En absoluto. Estamos tendo unha interlocución bastante limitada desde o traspaso de poderes. Non hai iniciativa de incluírnos en cuestións nas que necesita o noso voto. Por aí non vai por bo camiño. As prioridades en urbanismo son distintas das que había con Marea, se cadra se atende máis aos promotores que ao interese xeral da cidadanía.

É débil entón o que deron en chamar pacto á coruñesa?

Avanzouse en algunhas cousas pero en vivenda e urbanismo estamos máis verdes, a pesar de levar a cabo obras que nós deixamos feitas. Pode ser un flanco débil na nosa relación. Os acordos están para cumprilos. É o PSOE o que está en disposición de acadar solucións en casos como o dos veciños de San Vicente de Elviña ou o parque do Agra.