Leva xa un tempo vivindo en Madrid porque, segundo asegura, cunha "boa conexión a internet e un taboleiro" xa pode traballar. "Podo estar aquí ou en Kuala Lumpur", di o ilustrador e autor de cómics David Rubín, nun dos seus descansos.

Como é traballar na casa, ten un estudio só para iso ou faino en calquera lado?

A habitación máis grande da casa téñoa acondicionada como estudio. Aí péchome e íllome. De todos os xeitos, case todo o tempo no que estou traballando, estou só, menos agora, claro, coa pandemia. Érgome ás 5.30 horas, desde que son pai fágoo así, almorzo, dúchome e póñome a traballar, así, ás oito, cando teño que levantar a nena para ir ao colexio, xa avancei bastante. Cando volvo, sigo ata ás doce, máis ou menos, que paro para comer. Logo, volvo retomar o traballo sobre as dúas e media ata as sete da tarde e aí remato a xornada laboral.

Moitas horas, non?

Pero poder dedicarme ao que me gusta ás veces ten estas cousas, son peaxes que hai que pagar.

Neste horario, interrompe a xornada para poñer lavadoras, tender a roupa ou facer a compra ou iso queda para despois?

Fago de comer e boto unha man onde se necesite, pero, por sorte, temos unha persoa que nos axuda coa casa. Doutro xeito, eu non podería mover todo o volume de traballo que movo. De comer e de cear si que fago todos os días.

Para estar en contacto coas empresas para as que traballa, ten que ter moitas reunións ou non permite distraccións durante a xornada?

Salvo que sexa estritamente necesario, non fago nin videoconferencias nin nada diso porque me quitan moitísimo tempo e, moitas cousas pódense solucionar con catro liñas nun correo. Normalmente, uso o mail para todo, porque me parece o recurso menos invasivo para os demais e para min tamén.

Tamén lle dedica tempo a Twitter.

Aproveito nos ratos libres, nos descansos. Cando estou a traballar estou a traballar, non teño a cabeza en nada máis ca niso, igual que cando remato, estou para xogar coa miña nena ou para o que sexa, pero non para o traballo. As redes sociais, eu penso que son necesarias no meu traballo porque dan feedback coa xente.

Se compara o traballo na casa co da oficina, quen gaña?

Dos 19 aos 29 traballei en diferentes oficinas e, aínda que gardo bo recordo daquela época, non o cambiaría con todo o malo e o sacrificado que é ser autónomo e ter que moverme máis e traballar moito máis. Non cambiaría pola sensación de liberdade de decidir os meus horarios.

Non é moi solitario?

Cando deixei a última produtora na que traballei por conta allea, empecei a traballar pola miña conta, estiven dúas semanas na casa. Agonieime e collín un estudio con outra xente, botei un ano e medio até que me decatei de que estaba mellor na casa. Volvín e levo uns dez anos traballando nun estudio propio. Hai que afacerse. Eu levaba equipos con moitísima xente, tiña reunións todos os días, sempre dun lado para outro. Para min quedar sen iso foi unha cura, agora unha reunión é algo que rompe a rutina.