O estado de alarma ten, en principio, quince días de quedar na casa, pero iso non quere dicir que, neste tempo, non se poida aprender, xogar e, incluso, estar en contacto cos demais, aínda que sexa a través dunha pantalla. O profesor de baile tradicional na Asociación Cultural Donaire, Antonio Prado, decidiu que, nestas dúas semanas, ía seguir facendo o mesmo ca sempre, pero diante dunha cámara. Recoñece que é algo "raro", aínda que... Que cousa non o é nestes días?

"Vin que moita xente da cultura estaba a facer vídeos en directo, tocando... E por achegar eu algo tamén nestes días, pensei que, xa que o que fago diariamente é dar clases de baile, podería seguir dándoas para que a xente aprenda a bailar", relata Prado, que comezou nos primeiros vídeos por explicar a muiñeira e a xota porque "os agarrados, nestes días, non os recomenda a OMS".

Coa roupa de traballo, que é un chándal e unhas zapatillas, e coa axuda dunha cámara e facendo "un pouco de espazo na casa", publica cada día un vídeo para que os seus seguidores e seguidoras poidan aprender baile tradicional desde cero e para que se activen un pouco, nun período no que o sofá resulta tentador.

"O que digo no primeiro vídeo é o mesmo que se di nunha primeira clase de baile", relata Prado, que, nestes días de confinamento está aberto a responder todas as dúbidas que lles xordan ao seu recén nacido alumnado, que, polo de agora, é máis activo no Twitter que noutras redes, e que non coñece de idades, xa que os titoriais pódense ver e practicar en familia.

"A idea é ir explicando movementos moi faciliños para despois combinalos e ir incrementando a dificultade", comenta. Aínda que non só para ir metendo a cabeciña na música tradicional serven estes vídeos, conta Prado que unha mestra de Música lle pediu xa se podía compartir os contidos cos seus alumnos como tarefa, agora que estaban na casa. "Eu estou encantado, porque así poden estar un pouco máis entretidos estes días", confesa o profesor.

Ben é certo que, polo de agora, non pode ver se os seus alumnos están facendo ben o paso, salto, adiante, paso, salto, atrás, ou se están ben xirados cando comezan os puntos en diagonal, en lugar de facelo en espello á parella, pero confía en que, cando a corentena remate, os que se iniciaron con el no baile tradicional nestas circunstancias tan estrañas, poidan estrearse como bailadores nunha foliada.

"Hai moita xente que nunca pensou que estaría bailando tradicional na casa e, agora que están máis de moda as foliadas e o lecer que o escenario, podémonos sumar un montón", recoñece Antonio Prado, aínda que anima, iso si, a que, cando todo isto remate, os seus alumnos cambien o wifi e a pantalla, polo aire libre, as foliadas, a cervexa ou o licor café.