"Estamos na casa, pero non estamos parados". Iso reivindican máis de 200 profesores galegos que durante esta fin de semana traballaron para crear Aulas Galegas, unha plataforma de recursos en galego que axuda a docentes, alumnos e máis familias a pasar os días de corentena da mellor forma posible. "Trátase dun traballo colaborativo, no que cada profesor aporta os seus materiais didácticos á plataforma de maneira voluntaria", explica Susana Vázquez, mestra do Colexio de Santa María del Mar e unha das coordinadora do proxecto.

Os recursos de Aulas Galegas divídense tanto en materias como en cursos, pero tamén hai seccións dedicadas á atención á diversidade e máis ao ensino con maiores. "Non ofrecemos soamente material para a escola. Sabemos que para as familias é difícil entreter durante tantos días a nenos encerrados nun piso, e por iso incluímos xogos en familia e actividades para facer cos avós e avoas, xa que nestes días son moitos os que se ocupan dos pequenos", informa Vázquez, que fai especial mención á sección de Lecturas Compartidas, na que hai contos para todos os públicos: "Nestas semanas, ler será a única forma de saír de casa sen ter que saír de casa".

Se ben os nenos de Educación Infantil poden atopar en Aulas Galegas xogos, contos e actividades creativas coas que aprender e divertirse, os estudantes máis maiores tamén dispoñen de contidos interesantes. "Hai material para todos, incluso para os de Bacharelato, que son os que máis notarán as consecuencias desta corentena polo tema da selectividade", afirma. Para eles hai dende recompilacións de poemas ata curtametraxes, películas, libros, vídeos didácticos para aprender inglés e actividades interactivas coas que aprender sobre ciencia e literatura.

Tal e como conta Vázquez, é "sorprendente" todo o que se logrou en tan pouco tempo. Aulas Galegas é o resultado do traballo dun equipo de cinco profesores que, convocados por Pilar Ponte o pasado venres pola tarde, "decidiron traballar a contrarreloxo para compartir coñecementos de forma solidaria". "Entre os cinco coordinamos as seccións, promocionamos en redes a plataforma e xestionamos os contidos. Incluso fixemos titoriais sobre como participar", explica Vázquez. Así foi que, en tan só dous días, recibiron máis de 200 propostas para colaborar no proxecto. "Quedamos abraiados co recibimento. Non sabemos canto durará esta situación, pero a nosa intención é publicar de forma diaria, e creo que o lograremos visto o visto", declara.

Como o nome indica, todos os contidos que se atopan na plataforma son en lingua galega. "En internet hai unha cantidade inxente de recursos educativos, pero soamente en castelán. Nós queríamos ofrecer recursos interdisciplinarios tamén en galego, porque a lingua tamén se aprende na casa", conta Vázquez, que cre que "neste requisito reside o éxito da iniciativa".

Aulas Galegas xorde nunha situación extraordinaria, pero é posible que, de cara ao futuro, a web continúe en funcionamento. "Este portal recolle o traballo de moitísima xente. É unha iniciativa que atende a unhas condicións de emerxencia, pero o día de mañá eses recursos quedarán aí para quen queira utilizalos".