Este domingo estraño no que o coronavirus sumiu ao mundo vívese distinto no rural. "O ritmo aquí é similar con ou sen corentena. Non é o frenesí das cidades, aínda que nos falta o bar", di entre gargalladas María Xosé Silvar, coñecida no panorama musical como Sés. A cantautora fala desde o seu refuxio en Sueiro, onde se recluíu por mor da pandemia. Asegura que é o aire do campo e o chío dos paxaros alén das ventás os que a axudan estes días a controlar a "ansiedade", e a tomarse o confinamento con certa "filosofía".

O Covid-19 colleu á artista nun intre especialmente importante. O pasado febreiro lanzaba Liberar as arterias, o seu último traballo, que se dispuña a promocionar ao longo deste 2020. Pero en plena crise sanitaria os concertos vólvense prescindibles, baléiranse. "Alterouno todo totalmente, claro. Estamos reprogramando as datas con certa previsión, pero o do Pazo da Ópera o levamos ao 3 de maio e ao mellor temos que volver a movelo", lamenta a cantante.

Sés fala con calma, malia confesarse "preocupada polo impacto que vai ter este período a nivel económico e demográfico". A súa receita contra o medo é "non pensar demasiado", porque córrese o risco de entrar "nun estado de ansiedade". A coruñesa sortéaa lendo todo o que cae nas súas mans -desde poesía a ensaios antropolóxicos-, movéndose "aínda que sexa para limpar, que é coma ir ao ximnasio", e afastándose das redes. "Creo que Internet nos contamina, e hai que aproveitar este tempo para falar cos que temos preto. Isto pode ser unha ensinanza para o crecemento propio e social", indica.

Tamén o traballo entra dentro dos seus plans para este período de parálise. Entre "subir polas paredes ou ser pragmática" Silvar opta polo segundo, e bota as horas formándose e marcándose unhas pautas. Máis aló das anulacións, cre que os artistas contan coa vantaxe de poder seguir creando desde a casa. Ela non se senta nunca a compoñer, porque os temas chéganlle "dun xeito natural", pero baralla unha morea de cancións coas que podería, di, facer xa máis dun disco.

Se a situación se alonga tal e como prevé, non descarta lanzar outro álbum. "É que se non me aburro, son unha persoa moi ansiosa", explica. Xusto por iso marcouse "unhas rutinas", co fin de non "empezar con sentimentos negativos". A autodisciplina non é unha novidade para a cantautora, que adestrouse nela durante a súa longa carreira como artista.

"A nosa vida cambia menos ca de un funcionario público, por exemplo. Eu levo loitando dez anos con esa ansiedade de marcarme as miñas pautas", revela a coruñesa. Engurrando o nariz co seu habitual rexeito á realidade política, cólase no seu programa o telexornal. Nestes tempos de incerteza, Sés bebe as noticias "para ver se se lles escapa algunha verdade", e trata de entrever o que se agocha nos silencios que se emiten.

"Creo que se nos están ocultando moitos datos porque se non a cidadanía entraría moito máis en pánico. Agora só estamos a ver a punta do iceberg, pero non sei como vai rematar isto", apunta a cantante, que opina que "o sistema tiña que estalar por algún sitio e está estalando".

A coruñesa agarda que "o goberno tome medidas que faciliten a cultura e que poidan axudar a toda a poboación", e tamén que a cidadanía tome unha lección do terremoto que removeu o xeito de vida actual.

"Como todas as grandes desgrazas, esta pon ao ser humano no sitio no que realmente está, e amósanos a nosa vulnerabilidade. As teorías políticas individualistas non valen para nada, e iso agora estase vendo", afirma a artista.

FESTIVAIS CON 'MASCARILLA'

A recuperación no mundo da música será lenta e custosa. Así o prevé Sés, que imaxina "festivais con mascarilla" no caso de que "a situación se vaia paliando cara o verán". As súas novas datas están anunciándose para outubro, lonxe deses meses de estío. "Os equipos de sons son focos de infección, e tamén temos que saber se podemos cantar nos micrófonos. As empresas van ter que repoñer todo iso, e os gastos van ser millonarios", augura.