Cada día ás oito en punto da tarde, unha gaita racha a quietude da parroquia de Pravio. E malia que as casas estean espalladas, e non todos poidan verse o rostro tal e como quererían, as súas xentes saen aos balcóns. Algún despistado aínda se pregunta cal dos seus veciños é o que busca domar con música a soidade, pero a maioría sabe que o son non vén dun instrumento calquera. Procede do Obradoiro Seivane, a fábrica artesá da familia de Susana, que non aparca de todo, a pesar da corentena, a súa paixón polas actuacións en directo.

O pasado luns foi o primeiro no que se decidiu a tocar. O seu xesto non pasou desapercibido e axiña recibiu a resposta como aplausos, que chegan cada día ao remate de pezas como a marcha do Antigo Reino de Galicia. No medio dun contexto de certo caos, esa pequena rutina é unha das "ilusións" que alivian á artista, a quen o confinamento rouboulle todo o tempo para a música. Con dous nenos de seis e catro anos, Fiz e Antón, as 24 horas son para a familia, coa que comezou a reclusión o mesmo venres no que os centros permitiron que os cativos non acudisen ao colexio.

Afeita a traballar todo o ano, especialmente no verán, para Seivane esta é unha situación dobremente nova. "A min isto non me pasou nunca, porque cando os nenos están máis na casa é cando eu estou máis fóra. Para os pais está a ser moi duro, eu estou rendida", di entre gargalladas. O primeiro fin de semana de corentena pasouno "como calquera no que chove", pero ao inicio da semana xa se puxo metódica. A casa dos Seivane é, neste confinamento, unha sorte de campamento para "seguir a disciplina do cole e que os pequenos non perdan as rutinas".

A xornada despunta para a gaiteira ás 09.00 horas, coa quenda de almorzos, e inicia un sprint a partir das 11.00 horas coa primeira clase. No programa seivaneiro hai desde tempo para os deberes ata zumba, baile galego, manualidades e por suposto música e boxeo, as profesións dos pais. Logo do xantar e da merenda é o intre do recreo, e mesmo de gravar algún clip para as redes da intérprete. "Todos os días trato de poñer algo do que estamos facendo e que anime á xente, como a miña receita de macarróns á seivaneira. O agradecen moito, porque todo o mundo está pegado ás pantallas", conta a artista.

Tamén ela busca en Internet un escape ao enclaustramento. Seivane declárase fan do show que Xosé A. Touriñán e David Perdomo emiten cada noite online, un espazo de humor que, di, lle "arranxa o día". Para a gaiteira a iniciativa é unha das poucas cousas positivas que viñeron co coronavirus, e que revelou a grandeza do núcleo artístico de Galicia. "Esta pandemia está destapando un gran talento no país. É abraiante todo o que os meus compañeiros están facendo para entreter", sinala.

Se non os está vendo, ou falando cos seus seguidores, aproveita un anaco para ler. Agora atópase somerxida en El cerebro del niño, de Daniel J. Siegel e Tina Payne Bryson, cuxo análise da mente humana recomenda. Das súas páxinas pode gozar no seu xardín, un "privilexio" ao que se suma o tempo compartido coa súa irmá. Ambas residen na mesma finca e as familias visítanse asiduamente, o que fai o encerro "moito máis levadeiro" pois o illamento "é conxunto".

Cando cae a noite, porén, e non é xa hora de xogos nin comidas, o peso da crise sanitaria faise sentir. "Hai veces que te esqueces porque estás cos nenos, pero cando volves á realidade da un pouco de vertixe xa que non sabemos o que vai pasar", reflexiona. A gaiteira confesa que prefire seguir os consellos dos psicólogos para evitar angustias, e "informarse só unha vez ao día". Opina que "demasiada televisión é prexudicial", e non as ten todas consigo sobre se "se nos está a dicir toda a verdade" sobre o Covid-19.

"Suponse que os que falan son os que entenden, pero quen sabe se os políticos nos están mentindo. Xa vivimos outras crises e o fixeron tamén", di con certo derrotismo. A tristura pinga tamén da súa voz cando lembra a música, e todos os concertos que tivo que cancelar. "En xaneiro a xente xa empezou a non contratar nada. Eu son autónoma, cunha familia e moito que pagar ao mes. Son cousas maiores saber que non vas ter traballo en todo o verán".

https://www.laopinioncoruna.es/tags/en-casa-con.html