"Hai un cambio mínimo, é máis psicolóxico que outra cousa", comenta Miguelanxo Prado sobre como lle afecta a imposibilidade de saír de casa por mor do coronavirus. O debuxante de cómics coruñés saíu da casa por primeira vez o pasado mércores tras a declaración do estado de alarma e di que foi cando percibiu a diferenza polos "cambios no supermercado", aínda que non na súa rutina cotiá.

"É normal que pase sete ou dez días sen saír da casa, e cando se achegan datas de entrega dun libro ou da revisión é do máis frecuente", explica sobre a súa forma de traballar. "Sobre todo polas tardes teño a radio posta cando estou pintando, pero estes días apágoa para blindar un pouco a concentración porque é un bombardeo constante e moi repetitivo, xa que hai poucas novas que sexan realmente salientables", afirma.

"Estou moi afeito a esa concentración cando estou no estudo, consigo illarme porque son moitos anos de adestramento", salienta o autor sobre a súa capacidade para traballar á marxe do que acontece ó seu redor. Para conseguilo, contou coa axuda dos que entón eran os seus cativos: "Todos os longos anos de infancia e adolescencia dos meus fillos eran un adestramento magnífico para aprender a concentrarme e traballar en condicións francamente desfavorables".

Na actualidade, cos fillos xa fóra da casa, "hai un certo nivel de intromisión máis ou menos constante". O motivo das interferencias neste días é a preocupación pola súa nai, ademais de polos amigos e familiares. "Pero non deixa de ser relativa porque lle dedicas unha serie de tempo ao día a mandar whatsapps ou ver se hai correos e chamadas", sinala.

Prado conta ademais cunha vantaxe para non apreciar excesivos cambios na súa forma de vida e levar a corentena dun xeito máis agradable, xa que reside no concello de Bergondo. "Entre os amigos teño unha certa reputación de misántropo, xa que o meu veciño máis cercano vive a douscentos metros, o que supón non ver á xente en moitísimo tempo", explica sobre o seu lugar de residencia. "Para min é un luxo saír da casa e estar no campo, acrecenta a sensación de pouco cambio", di deste xeito de vida.

Cotiandade

Segundo detalla, as condicións nas que pasa todo o ano "forman parte do protocolo actual de illamento, xa que o panadeiro deixa o pan cedo e nin o vemos", polo que considera que "o que agora é unha novidade para a xente, para nós forma parte dunha certa cotiandade".

Prado recoñece que a forma na que vive habitualmente "non se parece nada a situación á do que vive nun piso, xa que os cans non teñen que saír a pasear e non hai rutinas alteradas, polo que é máis levadeira".

As singulares situacións que se producen estes días en todas partes quizais poderían servir de argumento para unha das historias que escribe e debuxa Miguelanxo Prado, segundo recoñece el mesmo. O día que deixou a casa para saír a facer compras proporcionoulle unha oportunidade para tomar notas de casos que poderían aparecer no guión dun dos seus cómics: "Chegou un momento en que tiven que poñer o cerebro en modo desactivado porque non facía máis que apreciar situación delirantes".

A actitude que viu nalgunhas persoas con respecto ás normas de protección dictadas para evitar os contaxios faille pensar que a humana é "unha especie profundamente estúpida". Segundo a súa opinión, unha situación como a que vivimos no seu traballo "só se pode analizar con humor", xa que o lado tráxico da pandemia está sendo analizado por outras vías artísticas.

"O que máis me está fascinando é a cantidade de tonterías que facemos e a inconsciencia que pode chegar a haber sobre as restriccións impostas que non se cumpren", salienta sobre o que observou na actitude dalgunhas persoas que non respectaban as medidas ordenadas. "Pasaba ganas de preguntarlles por que non o facían", admite Prado, quen pensa que estas situaciós "darían para moitas Quotidianía delirante", unha das súas obras máis famosas.