Na casa do exalcalde Xulio Ferreiro xógase ao UNO e ao Laberinto, pero tamén hai espazo para os libros, a consola, "aínda que non tanta como se podería esperar ao principio de todo isto", para as películas e para que os seus pequenos coñezan "clásicos" da mocidade dos seus pais, como Aterriza como puedas.

"Sorprendentemente, gustoulles bastante", di Xulio Ferreiro do outro lado do teléfono, da nena e do neno que, hai cinco anos, se coaron nas casas de media España, berrando, moi cedo, cando Pepa Bueno lle facía unha entrevista ao seu pai no seu primeiro día de traballo como alcalde da Coruña. Daquela, rifaban porque un lle tirara o leite por enriba á outra. Agora, un pouco máis crecidos, seguen enredando pola casa.

Durante estes días de peche obrigatorio, a familia intenta manter a mesma rutina ca sempre e dedicar un pouco de tempo a facer as tarefas do colexio ou do traballo e, tamén, a pasalo ben. "Non é difícil nesta casa, porque os nenos son moi madrugadores, así que, ás oito xa estamos todos en pé", relata Ferreiro, que insiste en que non hai que deixarse levar pola tentación de quedar todo o día en pixama, así que, no seu fogar todos se preparan coma se fosen saír, aínda que non o fagan.

"A miña muller traballa en alimentación, entón si que ten que marchar, quedamos os tres na casa, eles cos seus traballos e eu co meu. Eu fun o luns á facultade para coller material e, agás para sacar o lixo ou ir á compra, non saín xa máis da casa, como debe ser", explica Ferreiro, que mira agora desde o seu despacho da casa unha crise que lle podería ter tocado xestionar desde a Alcaldía, se a revalidase o pasado mes de maio. "Son días nos que a xente que ten un cargo ten que facer un esforzo, está obrigada a iso. Eu creo que, cando un está nun posto de responsabilidade, tamén o fai pola vocación de estar para os demais nos momentos complicados. Estar eximido desa responsabilidade, obviamente, implica menos nivel de estrés", confesa Ferreiro, que ademais de recuperar clásicos co seu neno e a súa nena, viu La Huida, de Sam Peckinpah, con Steve McQueen, esta semana.

A Ferreiro este período de parón obrigatorio cólleo xusto pouco despois de que el fixese un voluntario, entre que deixou o Concello e retomou o seu traballo como profesor de Dereito Procesual na Universidade da Coruña, en xaneiro.

"Eu xa levo meses recuperando vida cultural, aínda que si que é certo que estes días estou vendo algo máis de cine, intento ler... Faise longo porque todos quereriamos estar facendo outras cousas, pero dadas as circunstancias hai que ter paciencia. Ademais, neste tempo no que case todos temos acceso ás telecomunicacións, podemos facer Skype cos amigos, tanto nós como os pequenos. A crise é de tal magnitude que a incomodidade persoal de cadaquén pasa a segundo plano", explica Ferreiro, que, polo de agora, aínda non está dando clases virtuais, pero que non descarta facelo a partir da vindeira semana.

"O único inconveniente que temos é que non podemos consultar os libros da biblioteca. É a diferencia real que noto á hora de poder avanzar na investigación", confesa, xa que traballar desde a casa coa plataforma da Universidade é "moi doado". No caso da docencia si que encontra algún problema engadido. "Ao estar impartindo unha materia en inglés da que non hai material escrito nese idioma, vou ter que ter máis imaxinación, porque non podo colgar capítulos de libros ou outras cousas que poderían axudar, levarame máis tempo, pero fareino", explica.