25 de marzo de 2020
25.03.2020
La Opinión de A Coruña

A viralidade das historias

Os coruñeses Pedro Brandariz e Caxoto participan na iniciativa #Pandemiadecontos, na que narradores de toda Galicia contan relatos para loitar contra o coronavirus

24.03.2020 | 20:28
O narrador e humorista Pedro Brandariz, na súa casa.

Cada ramificación do virus semella ter un eco no mundo da cultura. O tecido artístico da cidade sube ao mesmo ritmo dos contaxios, tanto para enriquecer a mente como para afastala do drama sanitario e do Estado de Alarma. Unha das últimas iniciativas é a de #Pandemiadecontos, un movemento que busca "confrontar o Covid-19 con historias". Impulsado polo colectivo de Narración Oral Galega (NOGA), o proxecto comparte cada día dous relatos para nenos e maiores, que se unen aos monólogos, concertos e clases que copan estes días as pantallas

Contaba Jorge Bucay en El leñador tenaz a historia dun home que, no seu primeiro día de traballo, logrou talar 18 árbores. Ao día seguinte foron 15, e logo sete e cinco, ata chegar a derribar apenas dúas. Cando, consternado porque os resultados non se igualaran cos seus esforzos, foi a consultar ao capataz, este lle preguntou cando fora a última vez que afiara a súa machada. Nun intre de parálise, no que o que máis e o que menos ten que pór en pausa a súa vida, o conto arroxa algo de luz no maremoto de facturas e curvas de contaxio, e invita a pensar que "xa que hai que parar, deberíamos prepararnos para tempos mellores".

Así opina Pedro Brandariz, que escolleu o relato para o seu debut en #Pandemiadecontos. O cómico coruñés é un dos moitos que se uniron a este movemento „deses tantos que xorden estes días na rede„ pensado para achegar o cosmos da inventiva a grandes e pequenos. O venres 13, no seo do colectivo de Narración Oral Galega (NOGA), emerxeu o proxecto, que medrou co envío de relatos en vídeo como os do humorista ou Felipe Díaz, coñecido como Caxoto. Os contacontos da cidade teñen peso nesas máis dunha decena de gravacións que o grupo recibiu desde o seu inicio, e que comezou a compartir o pasado domingo con éxito de acollida.

Cada xornada, a canle de YouTube de NOGA alimenta ao monstro con dous clips audiovisuais. O das 12.00 horas é para os máis cativos, pero os adultos tamén teñen a súa ocasión para gozar, se ás 21.00 horas buscan baixo a cancela as súas historias. Tras elas agóchase o "espírito da solidariedade", e a esperanza de "aportar algo para que isto pase canto antes e saír xuntos da situación". Aínda que sexa desde a casa, os creadores seguen a ter dentro o lume de producir e, os consumidores, o de somerxerse nun crisol de alternativas coas que pasar o confinamento.

Mesmo nun contexto no que existe un escaparate infinito como Internet, poucos poden resistirse a unha boa historia. Tanto Brandariz como Caxoto notan que "hai máis xente conectada demandando contidos", e que a verba non se ve pisada pola pequena pantalla. Di Felipe Díaz que os contos son "o modo de entretemento básico" e que volver a eles é regresar ao pasado de cadaquén. "Agora temos televisións e videoxogos, pero un conto é a lareira. É volver a xuntarse coa familia e agardar que pase a tormenta fóra", comenta.

O narrador busca coa iniciativa "paliar as penurias que poida ter a xente pechada na casa" polo Covid-19. A súa elección faille un chisco ao panorama cun relato de autoría propia, O rei que lle tiña medo as agullas (e a raíña encantada), no que aborda a cuestión da igualdade cun empaque "médico". Coma á maioría no mundo da cultura, o artista veuse coa emerxencia sanitaria "sen traballo para o próximo mes", e augura para os días que seguen "máis iniciativas" como a súa peculiar pandemia. Mentres o mundo segue atento ás cifras do contaxio, á xente quédalle este consolo que se multiplica con cada ramificación da enfermidade, disposto a "que cada conto mate un virus".

Cultura en cada 'byte'

Algúns contadores, como Brandariz, volvéronse multiplataforma a prol desta crise. O coruñés non só participa na campaña de NOGA, senón tamén na da súa libraría, A Carapuchiña Feroz, que publicaba o pasado venres o primeiro dunha serie de contacontos a través da súa páxina de Facebook. Cada "dous ou tres días" o narrador compartirá novo contido para o público infantil, que engade aos monólogos que colga na súa canle de YouTube baixo o título de EscornaVirus. Trátase dun xeito distinto de ver a corentena, e de quitarlle ferro con ironía, repasando temas como o agobio pola multitude de proxectos que xorden para matar as horas, ou os motivos que se agochan detrás das compras masivas de papel hixiénico.

Varias destas gravacións rematan no perfil de Facebook Da miña casa á túa, unha iniciativa promovida por Carlos Ares na que entran desde contos ata música ou baile tradicional. Víctor Grande e Pulpiño Viascón son algúns dos que xa engrosaron o movemento, que agardan ser, como sinala Brandariz, unha alternativa a "toda a trapallada sobre o coronavirus que te botas o día borrando no móbil".

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
esquelasfunerarias.es