"Ante o desacougo, creatividade". Para o diplomático Xurxo Souto, o asunto non ten máis volta que darlle. Sobre todo se se ten en conta que comparte corentena coas mellores compañeiras de confinamento posibles, as súas fillas; coas que a creatividade agroma facilmente nos ratos libres que permite o horario escolar, que manteñen, de xeito disciplinado, tamén na casa.

Non faltan, porén, os tempos de recreo, que a familia inviste en actividade física. "O recreo, que ten que habelo, dedicámolo a bailar", confirma Souto. Actividades relacionadas coa música, o debuxo, a literatura e outras disciplinas que estimulan o enriquecemento cultural compoñen as xornadas de tarde. O músico coruñés anima, pese a incerteza do futuro e o insólito das circunstancias, a transformar o encerro en oportunidade e a extraer o positivo do momento que a sociedade atravesa. "É o momento de deixar de ser espectadores e comezar a ser os protagonistas do noso propio mundo", anima.

Souto propón a corentena como a oportunidade para os pais, tantas veces posposta, de coñecer a eses pequenos baixiños cos que conviven, e cos que os tempos de calidade limítanse, moitas veces, aos períodos estivais. Entre a dinámica escolar e as actividades da tarde, o aplauso obrigado das oito da tarde é o mellor escenario para ensinar ao barrio as cancións compostas durante o día. "Para min, poder saír á ventá a cantar coas miñas fillas as cancións que elas inventan é unha experiencia marabillosa", recoñece. O ímpetu cantareiro das nenas batalla, ás veces, cos amplificadores dos veciños pola hexemonía da banda sonora do balcón, "pero nós metémoslle máis volume".

Na cara da moeda contigua á dos nenos están os maiores, aos que o acordeonista coruñés anima a brindar escoita. Non é un consello casual: precisamente de prestar orellas á oralidade dos veteranos naceu a súa obra Contos da Coruña, que compila, a xeito de contos breves, as historias do substrato patrimonial dos barrios e persoeiros da cidade, relatos condenados á desaparición se non hai quen os escoite e escriba. "Se tedes a sorte de vivir cunha persoa maior, aproveitade para falar, para que che conten historias que ninguén che contaría, é o mellor momento", recomenda. Tendo en conta que é aos nosos maiores a quen lles toca a peor parte da pandemia ao formaren parte do colectivo de maior vulnerabilidade, Souto invita a manifestar afecto en forma de atención, de xeito que se poida construír un intercambio xeracional enriquecedor para ambas partes. A súa experiencia en tempos difíciles pode ser a mellor contrapartida. "Para nós, esta é unha situación moi novidosa, pero os nosos maiores lembran tempos peores, de fame ou guerra, e poden dar ese punto de esperanza", expón. Souto anima a descubrir o "tesouro intelectual" que se atopa nas vivenzas dos avós, e a investir con eles un tempo "absolutamente necesario, que sempre hai algunha escusa para non gastar".