Retrasaron o calendario de pagos de tributos municipais. Farano máis se o estado de alarma se prolonga?

Non me gusta entrar en especulacións. Ampliamos o prazo para facilitar o pago. O Concello permite un plan personalizado de pagos, e este ano incorporamos unha cota cero para eximir de pagos como o da auga a persoas en situación de vulnerabilidade.

Cantas persoas se acolleron?

Aínda non o sabemos.

Anularon pagos de terrazas e asumiron as tarifas das escolas infantís, pero a oposición demanda máis axudas e exencións aos afectados pola crise.

Temos predisposición a estudar todas aquelas medidas que axuden a mitigar o impacto da crise, pero temos que ser responsables fiscalmente, e manter unha política de ingresos que nos permita ter recursos para aplicar eses plans de choque que piden todos os grupos.Os recursos veñen pola vía tributaria e pola impositiva.

Propóñenlles perdoar taxas e gastos, como, por exemplo, a auga ou a recollida de lixo en locais ou comercios pechados.

Cando saiamos do estado de alarma, a nosa intención é dispor un paquete de medidas dirixido ás pequenas e medianas empresas e comercios para ver como podemos afrontar esta serie de gastos ligados a tributos municipais. Un local de hostalaría que estea pechado non consume auga, polo tanto non se lle cobra; cóbrase a cota de dispoñibilidade, duns dez euros. Penso que o importante a posteriori será ver que medidas de estímulo económico podemos adoptar para axudar de xeito complementario co Estado e coa Xunta. Non todos os sectores se van ver na mesma situación, e non se lles poderán aplicar as mesmas medidas a todos.