O Concello acometeu gastos extraordinarios por mor da crise do coronavirus, canto poden supoñer?

Priorizamos o gasto social para ocuparnos das persoas máis vulnerables. Son gastos extraordinarios. Cando pase o estado de alarma, poderemos cuantificalos. Hai unha liña de axudas por parte do Goberno, e esperamos que estes gastos poidan ser asumidos por parte do Estado. Estamos resolvendo a situación día a día, que non só é novidosa senón que vén sen manual de instrucións.

Haberá un incremento da partida de emerxencia social?

O orzamento municipal ten 1,1 millóns para emerxencia social. Entrou en vigor a finais de febreiro, a pandemia colleunos co comezo da execución. Polo de agora hai crédito suficiente para afrontar calquera situación nestes primeiros meses, pero non desbotamos ter que incrementar as partidas. Estamos no comezo dunha crise sanitaria e económica da que non sabemos a magnitude.

A oposición propuxo novos gastos: axudas ao alugueiro, compra de alimentos...

Non descartamos ningunha proposta . Cómpre saber os grupos aos que van dirixidas e que non haxa duplicidade coas medidas que adopten a Xunta e o Estado. A nosa idea é que ninguén se quede sen alimentos e ingreso mínimo.

Pensan pedir un crédito?

Trasladei a posibilidade na primeira xunta de voceiros e atopeime cunha resposta positiva que quero agradecer. Non está previsto pero non se descarta.

Os grupos reclaman tamén axilizar os pagos de convenios e facturas, adiantar o pago das subvencións...

A prioridade non está nas subvencións, senón en atender a crise sanitaria, as persoas, o emprego e a protección social. Buscamos axudar á empresa local e axilizar o pago de provedores, decidimos que os contratos en vigor non se suspenderan; nas concesionarias hai uns 2.300 empregos. Apostar polo seu mantemento é a mellor medida de protección social.

Supera presentou un ERTE para unhas 60 persoas.

O decreto non contempla ERTE para as concesionarias, senón un reequilibrio económico. Dependerá do que faga a autoridade laboral. A decisión unilateral de calquera empresa non conta co beneplácito nin co visto bo do Concello, en ningún caso.

E se as concesionarias perden ingresos porque os usuarios non empregan o seu servizo?

Poden pedir unha compensación, por exemplo dos custes salariais. O Concello ten varias vías para ese reequlibrio, non só a monetaria, tamén pode ampliar a concesión ata un 15%, como máximo.

O Estado permitirá destinar o superávit de 2019, ata 300 millóns, a protección social; na Coruña o remanente ía ir para as compensacións de Elviña.

Non sabemos canto é o remanente do 2019; hai unha parte que xa vai a unha obriga recoñecida por sentenzas firmes. Hai que ver a marxe que temos para o emprego do resto do superávit; o Estado permite que os recursos do Concello se empreguen para protección social e benestar, pero agardo que tamén á reactivación económica.

A regra de gasto é este ano do 2,9%; o BNG reclama modificala e aumentar a capacidade de endebedamento e contratación dos concellos. É necesario?

A regra de gasto non é unha boa decisión por parte do Estado. É o momento de poñerlle fin, de facilitar que os concellos poidan mobilizar recursos económicos dos que dispoñen e facer un uso do remanente e do superávits sen os corsés que impuxeron no seu momento polas sucesivas leis que promoveu o PP. Se agora non é o momento, cunha crise dunha magnitude que non somos capaces de calibrar, xa me dirán cando.