Manel Cráneo é ilustrador e autor de cómic e admite que no seu gremio "moita xente está afeita a traballar en pixama na casa", pero "eu boto de menos o estudio". Cráneo debuxaba no fogar ata que, tras fundar en 2008 Demo Editorial, colleu o hábito de traballar na oficina. "Antes estaba moi cómodo, pero agora cambiou o conto", pois ten un fillo de sete anos, "bastante aplicado" pero sobre o que hai que estar enriba durante as horas que ten que dedicar a estudar e facer os deberes.

A volta ao traballo desde casa, explica, "baixou o nivel de estrés", posto que diminuíron as reunións e xuntanzas. Case se agradecería se non fose porque o coronavirus "machacou a facturación". Antes da crise o 70% dos seus ingresos viñan de charlas, mesas redondas e clases, que agora son imposibles. Conta con perder abril, mes dos libros, e maio, co Día das Letras Galegas, e, para alguén que realiza bastantes actividades en universidades, colexios e institutos, que o curso académico pareza que vai quedar reducido "a quince días" presenciais é unha traba.

E outra máis: a actividade da súa editorial paralizouse pola pandemia. "O circuíto editorial, imprentas, distribuidoras, librerías, están todos pechados", e non se vende nin hai liquidación de vendas para os autores. Outras empresas optaron por potenciar a venda en liña, pero Cráneo decidiu "non servir" na súa por "solidariedade" cos empregados de mensaxería e Correos. "Moitos estanse a aproveitar de que a xente está na casa para potenciar a venda de cousas innecesarias", considera, "e non digo que os libros o sexan, pero os mensaxeiros deberían ter a posibilidade de estar seguros na casa", na súa opinión. Potenciar a venda online parecíalle "inxusto".

Pese a todo, Cráneo leva a situación "con bastante bo humor". En parte pola experiencia. "Os autónomos estamos afeitos a crise e pasámolas peores. Somos os últimos nos que pensa o Goberno, e estamos afeitos a vivir nunha barricada". O ilustrador entende que os que teñan traballo fixo estean nerviosos, pero "nós sabemos que nos ven outra máis e que hai que aguantar coma sempre".

Mentres dure o confinamento, Cráneo é partidario de seguir "unha mínima rutina", pero sen esaxerar. "Chegou o momento para que a xente faga o anarquismo na casa, xa que non nos van permitilo facelo na rúa", di o ilustrador, que aconsella facer o que a un lle apeteza "con calma, mimándoo e facéndoo a gusto". "É o momento para ser máis flexibles, non se pode un impoñer unhas táboas de rutina peores que as da vida normal", aclara.

Mais el si fixo un engadido á súa rutina: todas as noites desde hai dúas semanas debuxa algunhas viñetas de humor gráfico, "de humor negro ou branco, segundo como eu estea", sobre a situación actual. Co nome de Corona-Bios, pódense seguir no seu Instagram, e tocan os novos tópicos do confinamento. Facer deporte na casa, ir ao supermercado ou o papel hixiénico son algúns dos temas.

E cando remate a situación? "O primeiro que vou facer é ir a un parque co meu fillo, e que teña unha terraza para que poida tomarme unha caña cos meus colegas. Logo xa pensaremos en retomar os hábitos de traballo", engade o ilustrador coruñés.