A novela por entregas de Jorge Castro transporta ao lector ás praias australianas de Cairns ou ao golfo Pérsico. As voces de Sara, Memé, Lupe, Natalia e Reme acompañan aos máis meniños aos mundos de cores de Davide Cali e Mar Benegas. Os versos escritos por mulleres coma Yolanda Castaño ou Lucía Aldao reivindican o valor da poesía e, sen ir máis aló das catro paredes, abren ventá a un novo universo. Durante o tempo de corentena, se algo se aprendeu, é que non hai mellor aliado para saír da casa que unha boa lectura.

Por iso, a rede de bibliotecas municipais da Coruña traballa día tras día para ofrecer aos lectores alternativas e propostas que convertan os días de encerro nun tempo para reflexionar, explorar e aprender. Conta Belén Solleiro, directora da biblioteca do Castrillón, que agora "cada día é unha aventura", e que na última semana o equipo das bibliotecas municipais recibiu todo tipo de peticións e púxose ao día en canto ás novas tecnoloxías. "Queremos que a xente saiba que seguimos aquí, dispostos a axudar, a seguir traballando e actualizando todos os nosos contidos en redes sociais", asegura a directora.

Coa responsable da rede de bibliotecas, Catuxa Seoane, Solleiro coordina todas as iniciativas que están a levar a cabo na chamada Biblioteca 2.0, e non son precisamente poucas. "Queremos chegar a todos os públicos, dende aos máis pequenos ata aqueles que non soen utilizar as redes e que están máis incomunicados", afirma.

Así, cada día ás 18.00 horas, as bibliotecarias da Coruña protagonizan As bibliotecarias contan a través dun directo en Instagram no que len un conto infantil aos máis pequenos; as Mulleres de carne e verso celebran o Día da Poesía coas publicacións diarias das poetas galegas, e o bibliotecario do Sagrado Corazón e agora explorador, Jorge Castro, ameniza a corentena contando as súas andanzas polo mundo adiante.

"Tamén temos pensando utilizar a nosa canle de YouTube para conectar cos nenos de entre 10 e 12 anos", adianta Solleiro. A responsable fai especial mención á plataforma Galicia Le, na que, sen necesidade de ser socio de ningunha biblioteca, pódese acceder e descargar libros dun amplo catálogo en galego e castelán.

Os clubs de lectura virtuais continúan en funcionamento a través da web, onde se publican as propostas literarias e máis as valoracións. "Algúns dos coordinadores teñen grupos de Whatsapp, e por alí envían as súas opinións", engade Solleiro. Pero o contido que ofrece a rede municipal non só xira en torno a literatura, senón que tamén hai espazo para os blogs de música, nos que se inclúen playlist recomendadas; páxinas de cine non comerciais, como a de Novo Cinema Galego, e máis publicacións sobre actividades e xogos en familia.

Máis aló do ocio e da cultura, a rede tamén se compromete coa autoformación a través da promoción de cursos gratuítos online e máis coa información: "Sobre todo agora, a xente ten que estar ben informada e evitar os titulares alarmistas que xeran medo. Por iso publicamos noticias contrastadas, obxectivas e veraces, e ata ensinamos coma detectar as fake news".

Nestes tempos a tecnoloxía converteuse na gran aliada dos bibliotecarios, pero segundo Solleiro, unha das grandes preocupacións do equipo son aquelas persoas de idade avanzada ás que a brecha dixital lles impide acceder a moitos contidos e comunicarse con normalidade. "Barallamos a posibilidade de que, máis adiante, contactemos de forma individual cos usuarios maiores das bibliotecas para achegarlles información. Tamén estamos a gravar vídeos para que estas persoas aprendan a utilizar internet e a facer videochamadas ás súas familias", conclúe a directora.