O Luar é fiel aos venres. Tamén co coronavirus. Xosé Ramón Gayoso vai coma sempre, ao plató, pero recoñece que nada é o mesmo que antes. "Estamos baixo mínimos. O equipo é pequeno e non temos público, que é un elemento esencial para nós, polo que o formato sofre moito", sinala.

Pola semana teletraballa, coma tódolos seus compañeiros, e iso lle axuda a ter a cabeza ocupada. "Estou distraído. Compoñemos a escaleta e pensamos nos humoristas que podemos levar. Tamén buscamos no arquivo os vídeos das actuacións que queremos poñer para facer un programa equilibrado", explica.

Para Gayoso, o riso é a clave nestes tempos. "Hai que darlle un toque de humor a isto. Xa sei que a cabeza non está para moito chiste pero hai que facelos", recoñece. Intenta, e tamén recomenda, "non estar todo tempo pensando no confinamento", porque iso fai que sexa aínda máis duro. "Hai que ter unha actitude de responsabilidade polo que está pasando e quedar na casa, pero sempre con positividade", apunta o presentador.

Nunca tivo tanto tempo libre, así que quere aproveitalo. "Leo e fago as tarefas da casa, como limpar ou desinfectar. Tamén cociño", confesa. Ademais, ten un can que lle permite respirar o aire fresco un par de veces ao día. "É un alivio. Podemos facer unha volta a mazá pola mañá e pola tarde. Cinco minutos. O certo é que o can vai marcando a escaleta do día", comenta.

Gayoso abre os caixóns da súa casa para alimentar recordos e tamén facer limpeza: "É momento de romper papeis. Non hai escusas. Hai que facer agora o que antes non podiamos". Entende que ás veces non apetece ou non quedan forzas despois de tantos días dentro da casa. "Hai que forzarse un pouco e non deixarse levar pola situación porque senón todos estaríamos negativos", di o presentador do Luar, que recorda que estamos "ante unha situación extremadamente diferente a todo o que vivimos".

Volve repetir que nestes días necesita "divertimento e naturalidade", por iso pon o mandil e fai as súas receitas. "É certo que hai moito contaxiado e, o peor, moitos falecidos , pero hai que seguir adiante e non caer na alarma nin estar nerviosos", aconsella. Para Gayoso, é importante coñecer o que acontece, pero avisa: "Hai que informarse sen saturarse".