O secretario da facultade de Ciencias da Saúde, Juan Casto Rivadulla, defende que "é moi difícil facer investigación dun día para outro", e lle preocupa que a alarma do coronavirus probablemente non servirá para darlle máis cartos á ciencia. "Queda bonita nas campañas electorais pero a realidade é que non se aposta por ela", critica.

Como se adaptaron as investigacións da facultade desde o inicio do estado de alarma?

Agora mesmo está todo parado. Houbo experimentos que tiveron que seguir porque se non estragábanse os tratamentos. Pero xa remataron. Estamos todos na casa escribindo ou lendo. A investigación está a medios gas. Sei que no Instituto de Investigación Biomédica (Inibic) hai xente traballando no coronavirus, e en Informática con temas de Intelixencia Artificial.

Sempre foi unha reivindicación dos investigadores que houbese máis gasto en ciencia e menos recortes, isto confírmao?

Claro. É moi difícil facer investigación dun día para outro e poñer en marcha proxectos. A investigación é sempre unha aposta a longo prazo. Sobre todo a investigación básica, na que se estudan cousas que non teñen unha aplicación agora mesmo, pero si dentro duns anos dependendo de moitísimas circunstancias. E isto é un exemplo clarísimo. Se en España alguén pedise cartos hai tres anos para traballar en coronavirus, probablemente lle dixeran que non porque non era un tema de actualidade nin importante.

Servirá esta situación para aumentar o investimento en investigación?

Creo que non. Agora todo o mundo está moi concienciado pero dentro dun ano, tendo en conta que haberá unha crise económica importante e outras necesidades inmediatas, a aposta dos nosos gobernantes non creo que vaia ser pola ciencia. En canto Messi marque un gol, xa nos esquecimos todos do coronavirus. Desde 2008 ao 2018, países como Alemaña aumentaron o investimento en investigación por encima dun 30%. España recortouno. Isto fai que saías dunha forma ou doutra da situación de crise. Parece que aquí, e en Galicia menos, temos poucos recursos destinados a investigación. Por iso non podo ser optimista. A ciencia queda bonita nas campañas electorais pero a realidade é que non se aposta por ela.

O Covid-19 tamén invita a facer unha reflexión sobre as vacinas, sobre todo ao pensar en futuras enfermidades.

Claro, haberá máis. De feito, sabíase que o coronavirus chegaría, aínda que non cando. Xa viñeron máis, pero fomos capaces de contelas porque non tiñan esta capacidade de expansión. A investigación é a única forma de atallar esas pandemias antes de que xurdan. Levamos moitísimos anos falando de vacinas e loitando contra a xente que di que causan autismo ou que non funcionan. Iso non ten ni pés ni cabeza e a proba vese agora. Non temos vacina para unha cousa, o coronavirus, e está pasando todo isto. Temos moitas enfermidades que poderían ser así de letais e contaxiosas, como o xarampón ou a varicela, pero temos vacinas para elas e non as notamos nin nos preocupamos. Tamén a gripe, que ten unha mortalidade importante. Aínda mudando cada ano, somos quen de facer unha vacina distinta que ten unha eficacia moi alta.

Unha medida para atallar a enfermidade é o confinamento. Que opina do encerro e canto debería durar?

Eu non son experto en bioloxía, pero creo que imos tardar bastante en volver á normalidade. Leo moitas opinións. Hai quen pensa que estar encerrados ten a súa parte boa pero tamén mala. Hai moitas cousas que non sabemos. Estes días estase falando de que a cantidade de xente que xa pasou o virus sen decatarse é moito maior da que pensamos. Un estudio do Imperial College de Londres di que en España ata sete millóns de persoas pasaron o virus. Isto significaría que esa xente xa non se pode infectar de novo e tampouco faría falta estar todos metidos na casa tanto tempo.

Pero habería que saber quen son as persoas que xa o pasaron.

Si. Habería que facer moitos test de anticorpos para detectalo. Creo que este é o punto polo que vai ir a situación agora.

A falta de material tamén é un problema de previsión?

Aínda que todos pensabamos que pasaría algún día, ninguén esperou que fose tan de repente e non nos colleu preparados. Pódense facer críticas a como se está tratando a situación agora, pero temos que poñernos na situación dos outros. Se estas medidas se tomaran antes, igual estabamos todos botando pestes contra os que as tomaron por estar na casa. Lembro hai anos que coa gripe aviar se fixeron compras dun medicamento antiviral e gastaron un montón de cartos. O medicamento acabou caducado nun almacén. Criticouse ao Goberno por gastar cartos e darllos ás compañías farmacéuticas se a gripe aviar non era nada. Se compras e non fai falla, hai críticas. Se non compras, tamén. Eu creo que o máis criticable é que se está dicindo que hai medios e non hai.