Francisco Jorquera, voceiro do BNG na Corporación, mantén desde o comezo da corentena unha dobre vía de comunicación co resto dos grupos: en reunións presenciais cos seus homólogos nun Palacio de María Pita case baleiro e con emails continuos. Cando mira cara a saída da crise do coronavirus o nacionalista apunta a un fortalecemento da inversión municipal en dinamización económica e emprego.

Como está a ser na corentena a relación do seu grupo co Goberno municipal?

Moi fluída. Ben de xeito presencial polas mañás no concello ou ben por correo electrónico estamos a ter as reunións entre os voceiros. Trasladamos todo tipo de cuestións nestes encontros, mesmo no último o que vemos de pedir ten que ver coas normas de seguridade básica nos servizos municipais.

Que prioridades trasladou o BNG?

De todo tipo. É fundamental que todo o persoal de servizos sociais conte con equipos de protección axeitados. Preocúpannos moito as medidas de resposta inmediata para garantir a seguridade e a saúde. O Concello non pode carecer de recursos asistenciais básicos para atender á xente que non ten fogar, aos veciños que precisan de bolsas comedor ou axudas de emerxencia social e a quen debe recibir atención a domicilio. Neste sentido fixemos propostas sociais e económicas que coinciden coa preocupación que temos todos os grupos, e que pasan por cambiar o calendario fiscal, incluíndo quitas do 100 por cento en catro meses para o sector máis vulnerable; reforzar as axudas de emerxencia; e exponer as bases dun plan de reactivación económica.

Cara onde apuntaría ese plan económico?

Principalmente cara un aumento de inversión, reforzo dos servizos públicos e apoio aos sectores que van a quedar máis castigados, como o comercio, a industria ou a hostalería. Terá que ser un plan que se adapte aos criterios dispostos polas administracións estatal e autonómica.

Que lle preocupa máis sobre a recuperación da cidade cando remate o estado de alarma?

Por enriba de todo está a saúde das persoas, mais desta situación podemos gardar moitas ensinanzas, que teñen que ver todas co fortalecemento do chamado estado de benestar. Iso non é outra cosa que facer máis fortes os servizos públicos sanitarios e sociais. Que non teñamos que lamentar que recortes na Sanidade pública como os que xa houbo non nos axuden a loitar contra as pandemias. No futuro máis próximo o Concello debe ser un axente de reactivación que aposte pola inversión para dinamizar a economía e xerar emprego e que poida levantar determinados corsés que lle impiden chegar a eses obxectivos. Iso é o que necesitan os cidadáns.

Esta crise vai facernos máis fortes?

Son escéptico sobre o impacto das crises nas relacións sociais, pero penso que esta crise sanitaria debería reforzar na cidade, e na xente en xeral, un sentimento comunitario. Hoxe valoramos a importancia de que nun Estado, en calquer Estado, é necesario asegurar os servizos para que a sociedade non se atope indefensa.

A alcaldesa destaca a lealdade mostrada pola oposición nas últimas semanas. É un bo sinal cara a mellora das relacións institucionais?

O BNG pode predicar co exemplo. Sempre fomos unha oposición dialogante e disposta á colaboración e a cooperación é necesaria nesta e noutras situacións. As administracións non son dun único partido político, son dos cidadáns.