A voceira de Marea Atlántica, María García, teme que da crise sanitaria e social causada polo Covid-19 saian tantas desigualdades como na crise de 2008. Por iso propón reforzos na dotación de axudas, un plan de emprego e outro de choque social.

De que xeito mantén Marea comunicación co Goberno local no estado de alarma?

A relación formal entre o Goberno e os grupos municipais ten lugar a través da xunta de voceiras, que se reúne dúas veces á semana. O obxectivo é coñecer de primeira man a evolución da crise e poñernos a disposición do Executivo para achegar información e propostas. A celebración de plenos e comisións foi suspendida para concentrar todos os esforzos na xestión da emerxencia sanitaria, algo comprensible, mais esa situación de excepcionalidade non se debe prolongar máis do necesario.

Que suxestións en todo tipo de ámbitos ten feito Marea ao Executivo que considera urxente levar a cabo?

Esta emerxencia sanitaria é tamén unha emerxencia social, e por iso dende o principio presentamos un Plan de Choque Social, unha serie de medidas destinadas a persoas que se ven de súpeto en situacións de extrema fraxilidade, soas, sen ingresos, sen poder pagar unha vivenda ou sen poder alimentar ás familias. Agora estase a debater en todo o Estado a posta en marcha dunha renda básica, un ingreso mínimo vital. A Coruña foi pioneira nese camiño coa a Renda Social Municipal, creada durante o mandato da Marea. Por iso estamos propoñendo que se reforce con máis fondos, que se amplíen os supostos nos que se pode percibir e, sobre todo, que se incremente o persoal que a tramita para que non haxa atascos. En xeral, nesta situación límite, a administración ten que ser áxil para tramitar axudas, pagos, contratos... e para iso é necesario un reforzo do persoal. Ademais, insistimos na protección da saúde, especialmente para quen ten que seguir atendendo en persoa, como as traballadoras de Axuda a Domicilio.

En que aspecto teme que á cidade lle vai levar máis tempo recuperarse?

Cando pase finalmente a emerxencia sanitaria, vai haber moitos sectores afectados polo parón económico e o confinamento: o pequeno comercio, a hostalaría, o sector cultural, as pemes, a construción... Vai facer falla un plan de emprego directo que apoie a autónomos e pequenas empresas e que volva a insuflar osíxeno na economía. Preocúpanos o emprego e a desigualdade: que esas maiorías que xa saíron empobrecidas e precarizadas da gran recesión de 2008 teñan aínda máis dificultades para sobrevivir.

O apoio entre grupos nestes días de crise debería manterse no resto do mandato?

As relacións non son malas, ao contrario. Nós sempre dixemos que a Marea Atlántica sería esixente pero responsable e creo que o estamos sendo. Nestes momentos, esa responsabilidade é aínda máis necesaria. Non entendemos que se utilice a emerxencia sanitaria e o drama social para facer política electoral, que é o que estamos vendo dende a presidencia da Xunta ou sectores conservadores no Estado. No futuro, seguiremos tendéndolle a man ao Goberno local para seguir unha axenda progresista, a da igualdade e da xustiza social.