No mercado de Elviña están case todos os postos abertos, coas necesidades dos seus clientes no primeiro posto da lista de obrigas. "Estamos ao cen por cen", recoñece o carniceiro Pablo Barbeito, que prevé que os hábitos de compra da xente van cambiar pola situación xerada polo coronavirus, se non o fixeron xa.

Como é o día a día no mercado de Elviña?

Non hai queixa, pero temos pouca xente. Hai moito reparto a domicilio.

Xa contaba con este servizo?

Si, pero era unha cousa puntual. Agora, a maioría son pedidos para casa. Para nós é bo porque ampliamos a clientela, abranguemos máis campo. Mandamos ata A Zapateira. Aínda temos que adaptarnos porque a xente chama, pide e descontrola o mostrador. Pero tamén contas con esa venda, que é o mellor. É cuestión de tempo e organización.

O coronavirus mudou a forma de mercar?

Por suposto. O habitual é que a xente chame para que lles leves os pedidos ou ben para que teñas todo preparado e así pasar a recollello e estar o menos tempo posible na rúa. Creo que isto vai ser así durante un tempo, a xente non vai vir con normalidade aos mercados cando se levante o estado de alarma. Hai que ser sensatos e non facer todo á carreira. Son novos hábitos. Ademais, se queren estar pouco tempo na rúa, é mellor facer pedidos e non estar unha ou dúas horas no súper e no mercado.

Todos os produtos están dispoñibles ou nota desabastecemento?

É importante recordar á xente que nos mercados hai de todo. Peixe, carne, verduras, froita... Todo. Para mercar produto galego non hai ningún problema. Eu recibo o produto igual que antes. A situación non cambiou e é mentira cando din que hai desabastecemento.

Que nota no contacto cos clientes estes días?

Que hai moito medo. A xente ven moi protexida, con máscaras e guantes, e quere marchar canto antes. Tamén hai quen procura madrugar para non estar moito tempo no mercado. O medo está aí.