"O noso sector vai ir á cola do que socialmente pase", afirma Miguel Queixas, músico autónomo, responsable da banda Brothers in Band e xerente de Xita Promotora. Asegura que a crise polo coronavirus conlevou "un parón total", cos traballadores do sector "sen ingresos" e o traballo de programación desmantelado, o que supuxo datas adiadas ou canceladas. "Os artistas seremos os últimos en aparecer na sociedade", augura, e aínda así amósase "optimista", a falta de comprobar "como vai responder o público". "Agardamos que siga tendo ganas de ir aos espectáculos e confío en que non terá medo a volver", sinala.

A súa actividade como responsable de Brothers in Band e xerente de Xita Promotora está marcada nestas semanas pola reorganización de datas. "Para Brothers implicou o adiamento dunha parte da xira, como o concerto da Coruña, no Palacio da Ópera, que se reubicou en inicio para o día 27 de xuño; unha data en Madrid e dúas en Barcelona. Outros xa se foron ao último trimestre do ano", conta. "Estamos nun momento de recolocación de datas, tanto da actual xira como da futura. Isto implicou un parón total e unha reaxenda de todo o que había, tanto nacional como internacionalmente", explica. "O noso sector vai ir á cola do que socialmente pase. Como sector de entretemento, dependeremos da apertura total dos recintos públicos, que será o último, imaxino. Somos un sector que dependemos de que o motor social estea engraxado para dar o entretemento. No momento en que non camiñe, os artistas seremos os últimos en aparecer na sociedade. Dependemos da sanidade e da lexislación", reflexiona.

As consecuencias para os traballadores do sector son, por agora, "a falta total de ingresos, obviamente". "Supón a tempo real o que está pasando a toda persoa que traballe pola súa conta. Desaparecen os ingresos", apunta. "Gran parte do sector agora queda nunha zona moi vulnerable, obviamente. Entre todos axudaremos", afirma Queixas. Na súa faceta docente, sinala que "parte do sector que ten que adaptarse a clases online". "Esa man que che coloca a baqueta ten que ser substituída por clases online, e dependendo do tipo de instrumento é mais ou menos complexo, pero tamén hai unha readaptación", explica. "E como promotores, o mesmo. Dende Xita houbo que adiar moitos concertos a nivel estatal. E moitos están á espera das circunstancias sanitarias. Algúns puideron recolocarse pero outros moitos non", precisa.

"O mercado de propostas artísticas está en stop total. Porque ninguén vai mover ningún tipo de ficha. E por outra banda, cando todo isto estea ben, a sobreprogramación que imos ter vai ser superinteresante. Vai haber unha proposta cultural amplísima. aínda que sexan só as datas adiadas", apunta o músico. Asegura que Brothers in Band tiña dúas datas con entradas case esgotadas en Barcelona dous días seguidos que agora van facer en outubro no mesmo día. "Quedaba un oco. Serán dous shows nun día", cita como exemplo das consecuencias que terá a reprogramación. "Estamos devolvendo os cartos das entradas para as persoas ás que non lles interesa a nova data e aguantando o embiste da situación. Hai que esperar a que isto tome forma", comenta. "Como Brothers somos moi de autoxestión e programación propia, estamos recolocando. Como promotora estamos a cero, parados", afirma.

A crise económica marcará o futuro do sector cultural. "Ese é o problema. O sector servizos cultural somos esa guinda final a algo. Precisamos dunha estabilidade social e económica porque a cultura, sendo un ben de primeira necesidade, non é un ben de primeiro consumo. Ante unha barra de pan, obviamente...", reflexiona Queixas. "Temos o medo de que a sociedade non poda apoiar. Confiamos plenamente en que as medidas que se vaian tomando podan axudar. E xeraremos iniciativas para atacar a todo isto. Non quero ser catastrofista. Todo volverá", confía o músico e promotor.

Queixas fundamenta o seu optimismo sobre a recuperación do sector na convicción de que "é algo moi orgánico e humano ir a concertos, ao teatro, a museos...". "Precisamos a cultura, todos. É entretemento e diversión, e a música en directo é moi orgánica. Podemos entreternos con series na casa, pero iso non vai cubrir o baleiro dunha hora e media de concerto ou de teatro", defende.