A vicerreitora de Planificación Académica, Nancy Vázquez Veiga, explica as claves da finalización do curso, para a que non se contemplan exames de tipo presencial, e que se desenvolverá pola vía telemática e expón a que se debe o aparente desacordo existente entre a reitoría e o alumnado.

Cales son as claves da finalización do curso?

Non se vai facer ningún tipo de exame presencial, así o comunicamos á nosa comunidade universitaria. Xa queda pouco para rematar a docencia nas aulas, agora mesmo os profesores están no proceso de facer as adendas ás guías docentes. É importante que os docentes teñan coñecemento da situación na que está o alumnado, non todos teñen boa conectividade, o que temos que procurar é que polo menos teñan a posibilidade de facer o exame en distintos horarios. Pedimos ao profesorado que grave as aulas para que os alumnos as podan visionar.

Existe una forte oposición dun sector importante do alumnado cara estas medidas de finalización, visible estes días en redes sociais.

A comunidade estudantil estaba informada, porque tivemos varias reunións con eles para adaptar estas medidas, tivemos que obter moita información antes de levalas adiante. Os estudantes están preocupados porque, a pesares de que a reacción do profesorado ten sido boa, hai circunstancias moi diversas entre o alumnado, sabemos que hai situación difíciles, algún teñen problemas de conectividade, outros non teñen equipos? O alumnado estaba preocupado porque nalgunhas materias non tiñan información de como se ía finalizar o curso. Penso que esa contestación vén motivada polo perdidos que se vían nesas circunstancias. Entendemos as preocupacións, a nosa obriga é sentar unhas bases que aseguren a calidade da docencia.

Un dos reclamos dos sindicatos estudantís era o de non avaliar a materia impartida a partir do 14 de marzo. Por que non se considerou esta posibilidade?

Fíxose un esforzo enorme por parte da reitoría e dos equipos informáticos, durante toda esa fin de semana tras o estado de alarma estiveron traballando sen horario para ter todo en marcha o luns. Sei que hai profesores que fixeron un gran esforzo e están facendo un desenvolvemento moi bo da súa docencia, non queremos tirar pola borda ese traballo para que os alumnos adquiran esas competencias. Hai casos nos que os alumnos non están satisfeitos, e moitas veces con razón, pero hai moitos nos que si.

A da implicación dispar do profesorado é outra das queixas recorrentes. Hai algún xeito de controlar isto?

Nós temos varias fontes de información. Cada vez que os estudantes nos piden unha cita enseguida lla damos. Situacións de este tipo, se se están a producir, estanse a falar cos decanatos dos centros, que están a ter unha resposta moi boa. Eles fan esa labor de control, corrixen e rectifican determinadas actuacións que non son as máis oportunas. Hai varios niveis: os coordinadores da titulación fan a primeira revisión, por exemplo, se hai sobrecarga de traballo no alumnado, que é algo que está a ocorrer, logo os departamentos e logo, finalmente, os centros. Hai moitas persoas implicadas en garantir a calidade e a adquisición de competencias.

Esta conxunción de esforzos xustifica o feito de que a liquidación do curso non sexa unha opción viable?

Sei que se pide, que aí está esa idea, pero nas reunións ás que asistín con representantes dos estudantes, nunca se falou da opción do aprobado xeral. Sei que é unha idea, pero que a moitos estudantes lles desgustaría. Puxemos esa medida da nota media: se se supera unha materia con nota inferior á media do expediente, pónselle a nota media. É unha medida que, de cara a presentarse á bolsas, axuda a protexer aos estudantes.

Estes días, o campus virtual sufriu unha serie de caídas. Está prevista esta circunstancia?

Os equipos informáticos están moi pendentes, no caso de que se produzan esas caídas, están sometendo eses equipos a probas de estrés para ver que capacidade tiñan e garantir que a avaliación se produza en condicións normais. Poremos todos os medios dispoñibles para que iso non aconteza, estanse facendo moitas probas. O que pedimos á hora de facer avaliacións é que o profesorado teña en conta unha opción alternativa por si nese momento un alumno non é quen de facer o exame.

Existe a posibilidade de reconsiderar a avaliación telemática no caso de que non funcione?

Si, claro. Eu, por exemplo, teño tres estudantes Erasmus que voltaron para os seus países. Hai un exame tipo test que faremos a través de moodle, primeiro lles preguntamos aos estudantes se estaban tendo problemas, e, se chegado o momento alguén non se pode conectar, substituiremos o modelo do exame por outra proba que temos xa deseñada. O que temos é que buscar alternativas que podan garantir que ninguén se quede sen facer esa proba.